O Estado español participará na ocupación militar en Mali

O Congreso español dá luz verde á intervención militar en Mali. O exército español tomará parte da ofensiva iniciada por Francia co visto e prace da ONU.
O exército francés despregado en Mali
photo_camera O exército francés despregado en Mali

O executivo español vén de solicitar a ratificación do Congreso para despregar "unidades militares españolas no marco da crise de Mali". De esta maneira o Estado español tomará parte da ocupación militar iniciada por Francia e apoiada polo Consello de Seguridade das Nacións Unidas na Resolución 2071/2012.

Neste senso, o Goberno liderado por Mariano Rajoy facilitará "o tránsito polo espazo aéreo" da aviación pertencente aos distintos "estados membros da UE e da OTAN" así como, permitirá o "uso de determinadas bases aéreas" situadas en territorio español. Aliás, o executivo "pon a disposición da operación un avión T-10 (C-130)", tamén coñecido como Hércules, "para contrubuír ao transporte estratéxico" de armamento despregado na ofensiva militar como recoñe a iniciativa presentada polo ministro de Defensa durante a sesión parlamentar extraordinaria decorrida esta cuarta feira.

Tamén así, o Congreso autoriza ao Ministerio a despregar até 50 efectivos para desenvolver "labores de adestramento das Forzas Armadas de Mali" e das "unidades de apoio precisas", din, para cumprir coa operación aprobada no marco da Unión Europea. No entanto, Defensa poderá desenvolver "os axustes operativos" que exixan o decorrer dos acontecementos "sobre o terreo". Segundo o propio executivo a operación militar que denominan "de mantemento da paz", suxeita ao estabelecido no capítulo VII da Carta das Nacións Unidas, terá un custo, inicial, superior aos 2 millóns de euros.

Alegatos belicistas no PSOE, PP, UPyD, CiU e PNV
Ao igual que aconteceu noutras ofensivas militares nas que o Estado español tomou parte, como na Libia --mais non así na do Iraq, PSOE, CiU e UPyD apoiaron a decisión do Goberno español de enviar tropas ao norte de Mali en apoio á ocupación despregada polo executivo de François Hollande, porén os grupos políticos arremeteron contra o ministro de Defensa --encargado de defender a proposta gobernamental no pleno extraordinario desta cuarta feira-- para denunciaren que a decisión non se tivera adoptado antes no que consideran "unha crise que ameaza directamente a seguridade de España". A voceira do grupo socialista, Elena Valenciano, mesmo cuestionou que o apoio loxístico previsto polo goberno de Mariano Rajoy sexa "menor que o prestado por outros países como Bélxica ou Dinamarca" dos que dixo "posúO Congreso español dá luz verde á intervención militar en Mali. O exército español tomará parte da ofensiva iniciada por Francia co visto e prace da ONU. en unha vinculación menor" coa rexión.

A deputada do PSOE, Elena Valenciano, criticou que o investimento militar fose menor que o servizo prestado por Bélxica ou Dinamarca

Nun alegato belicista a deputada do PSOE quixo, no entanto, que o Goberno de Mariano Rajoy centre as súa intervención "nun enfoque político e humanitario e non estritamente militar" para o que solicitou a "parálise dos expedientes de expulsión" da cidadanía malí que se atope de maneira irregular en territorio español. Ao igual que Valenciano, o voceiro de CiU, Jordi Xuclà lamentou a "modesta" aportación española á ofensiva iniciada en Mali polo que instou a retirar tropas de Afganistán, nun baile de soldados entre países vítimas de ocupación e inxerencias externas.

Pola súa banda a representante de Unión Progreso e Democracia asegurou que a "instalación de grupos yihadistas no norte de Mali" supón un "grande risco" para o Estado español polo que criticou que a operación aprobada "non se corresponda" coa gravidade da situación senón que, en troca, o executivo se limite, dixo, "a cubrir o expediente".

Xunto a estas intervencións o deputado do PNV, Aitor Esteban, amosou o seu respaldo á decisión gobernamental mais --ironicamente-- pediu que se coiden "os dereitos humanos" cara á efectivización dunha operación cuxo obxecto é, asegurou, "a desaparición das organizacións terroristas". Porén, subliñou, para tal fin é preciso "gañarse os corazóns da poboación".

"Coas intervencións militares non vén a paz"
Fronte á defensa da intervención militar en Mali, BNG, ERC e Esquerda Plural amosaron o seu rexeitamento á operación militar prevista polo Estado español. Os grupos políticos minoritarios aseguraron que o conflito estourado en Mali "é consecuencia da guerra de Libia" --na que tivo moito a ver o exército español-- na que a "comunidade internacional" --representada polas forzas da OTAN, "armaron aos rebeldes para que puideran derrocar a Gadafi", apuntou o deputado de IU José Luís Centella.

Rosana Pérez (BNG): "Somos pacifistas e anti imperialistas, e actuaremos en coherencia"

Pola súa banda a deputada do BNG, Rosana Pérez, interpelou ao representante do Goberno español asegurando que "exemplos como o do Iraq, Afganistán ou a Libia" dan boa conta "de que as intervencións militares non trouxeron a paz, e tampouco solucionaron os défices democráticos” senón que pola contra, deixan ver con claridade "intereses económicos e xeoestratéxicos".

"O BNG nunca tivo vocación de xendarme internacional nen acredita en sistemas impostos polos máis poderosos. Somos pacifistas y anti imperialistas, e actuaremos en coherencia", aseverou Pérez amosando o voto desfavorábel da organización frontista "en contra da autorización da participación de efectivos militares en Mali”, sentenciou.

Comentarios