O xerente do PSOE, Xoán Cornide, asinou un "contrato" coa inexistente Amy Martin

Segundo o diario El Mundo, no contrato asinado polo xerente socialista, Xoán Cornide, este asegura terse reunido coa falsa xornalista cuxa remuneración se situaba en perto de 3000 euros por artigo. O xerente do PSOE, moi próximo a José Blanco, xa se atopaba inmerso nun caso de corrupción en 2011.

Após a publicación do escándalo dos sobresoldos en negro cobrados pola cúpula do Partido Popular durante dúas décadas; o diario español El Mundo facía público a pasada semana un outro caso de corrupción, desta volta no seo do PSOE. Neste senso, o director da Fundación Ideas, Carlos Mulas, tería inventado unha columnista denominada Amy Martin a través da cal chegou a facturar perto de 50.000 euros entre 2010 e 2011.

Esta segunda feira, El Mundo asegura na súa capa que o xerente socialista, Xoán Cornide --tamén responsábel da xerencia do partido-- asinara o contrato con Martin e aseguraba terse reunido con ela. No entanto, após coñecerse o escándalo, a dona do presidente de Ideas afirmaba nun comunicado que ela propia era a columnista polo que esa suposta persoa non existiría. Segundo o diario español, Cornide tería incorrido en delitos de "falsedade documental mercantil" ao achegaren mesmo un número de identidade da suposta xornalista e escritora.

O xerente do PSOE, Xoán Cornide, estivo implicado nun caso de suposta corrupción en 2011 

O documento contractual --ao que tivo acceso El Mundo-- recolle unha remuneración "estratosférica" por "artigos de análise e opinión sobre cuestións globais de interese" que posteriormente eran pendurados no portal web da Fundación. Así pois, a xornalista tería percibido perto de 3000 euros por un artigo intitulado Clinton vs a ONU, isto é, arredor de 0,16 céntimos/caracter. No entanto, a contía aumentaba se esta auto-traducía os seus propios textos polo que cobraba 0,10 céntimos máis.

Segundo apunta El Mundo, o xa ex-director de Ideas, tería percibido sobresoldos a través da creación desta outra identidade. Remuneracións que viñan a se sumar aos 5000 euros pensuais que cobraba como dirixente da Fundación socialista.

O 'caso Cornide' de 2011
Xoán Cornide, oriondo de Ferrol, xa estivo inmerso noutro caso de corrupción o pasado ano 2011. Naquela altura, o xerente do PSOE --home de confianza do ex-ministro e deputado español José Blanco, tería participado nun escándalo de corrupción en Ferrol a través da construtora Extraco. O caso --tamén feito público por El Mundo-- salfería ao propio Blanco quen --daquela ministro de Fomento-- tería empregado un tratamento de favor cara ao seu compañeiro de filas adxudicándolle obras públicas de grande relevacia económica como o tramo do AVE Lalín Ourense.

Comentarios