Que recolle o dereito internacional a respecto da autodeterminación dos pobos?

O ordenamento xurídico internacional contempla a libre determinación dos pobos desde a sinatura da Carta das Nacións Unidas. Aliás, concíbese como un dos principios fundamentais sob os que se asenta o dereito internacional. Porén, malia que na súa conceptualización teórica aspirou a ser un dereito de aplicación internacional, o certo é que ao longo do tempo reflectiu unha importante debilidade práctica, ficando máis nun brinde ao sol após a II Guerra Mundial, que de facto como un dereito exixíbel en tanto que inherente á vontade dos pobos.
Autodeterminación
photo_camera Acto a prol da autodeterminación

Os procesos soberanistas iniciados en Quebec, Escocia e mesmo en Catalunya, fan agromar con forza a defensa do dereito de autodeterminación en tanto que principio político, mais tamén das limitacións reais do marco xurídico internacional no exercicio do seu cumprimento.

Malia que son numerosos os tratados internacionais que recollen a libre determinación dos pobos como un dereito fundamental, a súa definición é intencionadamente ambigua e confusa, o que limitou a súa aplicación efectiva en moitos casos, porén non así noutros, de acordo cos obxectivos e intereses do proceso de construción de novos estados.

A dereito de autodeterminación, un principio político

As Nacións Unidas recolleron o dereito á libre determinación na súa Carta fundacional (Washington, 1945), porén a súa conceptualización como principio político xa foi empregada na Declaración de independencia das colonias británicas en norte-américa (1776). Aliás en 1917 a URSS promulgara a Declaración para os Dereitos dos pobos de Rusia, aparecendo por vez primeira e de maneira expresa nun texto xurídico, en que asemade se recoñecía o dereito a se secesionaren e conformaren novos estados.

O remate da II Guerra Mundial e o xurdimento do Dereito internacional como corpus doutrinal, incorporaría o principio de libre determinación dos pobos como norma internacional no artigo 1.2 da Carta das Nacións Unidas, no entanto, a ambigüidade con que foi recollida nos diversos textos emanados da ONU (Resolución 1514/1960; Declaración dos dereitos civís e políticos, 1966) --en que se recoñece como válido para a creación de novos Estados, porén non así, para a secesión dos xa existentes-- circunscribiu a súa aplicación práctica a aqueles casos en que o xurdimento dun outro Estado deviña dun proceso descolonizador e sempre vencellado a aqueles pobos non representados polos seus gobernos por motivos de cor, raza, credo ou cor.

As limitacións reais da súa aplicación 

Así pois, a propia ONU aclaraba coa publicación dun outro documento a súa concepción do dereito á autodeterminación e estabelecía os seus límites. Neste sentido, asegura a ONU, "este principio non é compatíbel cos propósitos da Carta senón na medida en que implica que os pobos teñen o dereito a se administraren por si propios, mais non o dereito de secesión" (doc. 343 I/1/16. Volumen VI, pág. 296). Neste sentido, a lexislación internacional fica moi lonxe de recoñecer de maneira ampla e positiva o dereito de autodeterminación, en gran medida por existiren importantes bases económicas no xurdimento dos Estados-nación que ven nos procesos de secesión ou ruptura territorial unha perda de poder/control político-economómico.

Porén, cal é o alcance xurídico do dereito á libre determinación dos pobos no marco do Dereito internacional? Ao longo do último século foron diversos os casos en que se recoñeceu de feito e de dereito o xurdimento de novos estados --mesmo artificiais, como o caso de Israel-- en América do Sur, o sureste Asiático ou África e mesmo os xurdidos após a desmembración da URSS. No entanto, conflitos como o saharauí ou o palestino seguen sen se resolver , evindenciando os límites reais do ordenamento xurídico internacional. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios