martes 20/10/20

O delegado do goberno na Galiza apoia a supresión das autonomías

O BNG pide o cese de Samuel Juárez por, entre outras cuestións, criminalizar movementos sociais e partillar nas redes sociais grupos que reclaman abolir as autonomías


 

Samuel Juárez
Samuel Juárez

O delegado do Goberno na Galiza non gosta das autonomías. De ningunha, mais a que menos lle presta é a catalá, da que apoia, simple e llanamente, a súa supresión. Estes son, alomenos, os ideais que sostén o grupo de Facebook ao que está asociado Samuel Juárez. Todo un delegado do goberno español a pedir a abolición do Estado das Autonomías, e non en chave precisamente soberanista ou federal.

Mais esta declaración de principios de Juárez non é unha excepción no seu comportamento no cargo. Así o lembrou o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, organización que vai pedir o cese do delegado do Goberno español na Galiza por eses comportamentos.

Escalada represiva contra as persoas que se manifestan pacificamente

Francisco Jorquera resumiu, así pois, en catro as razóns desta solicitude de cese: pola escalda represiva iniciada pola delegación do Goberno co incremento “abusivo” de expedientes sancionadores contra as persoas e colectivos que participan “pacificamente en protestas socias” co obxecto de amedrentar estas manifestacións; polas súas manifestacións insultantes e irrespetuosas contra estes colectivos; polas declaracións “calumniosas” dirixidas ao BNG e a estratexia que tenta criminalizar o nacionalismo galego. E, por último, pola súa actitude política “sectaria”.

Supresión da autonomía

Jorquera fixo refrencia á adhesión do delegado do Goberno a un grupo en Facebook que pide a supresión da autonomía catalá e abolir o resto de comunidades autónomas a través da “presión á clase política” cara unha reforma para a supresión das CCAA. “Non sería mala idea empezar por  eliminar a catalá por separatista, nacionalista  e antiespañola”, reproduciu o portavoz nacionalista no Parlamento galego o expresado nese grupo de Facebook do que é seguidor o delegado do Goberno.

Unha estratexia

Para o BNG, esta actuación do subdelegado do goberno español na Galiza responde a unha estratexia pola cal se pretende desviar a atención dos “graves problemas económicos e sociais que atravesa Galiza”.

comentarios