A oposición, contra a LOMCE por ser ''unha lei ideolóxica e de partido''

PSOE e AGE apoian a proposición non de lei do BNG para instar a Xunta a reclamar en Madrid que se retire o anteproxecto desta norma. Os seus cinco apoios non foron dabondo para quitala adiante: a maioría do PP na comisión de Educación do Parlamento traduciuse en sete votos en contra


Na véspera dunha mobilización estudantil contra da LOMCE que se prevé multitudinaria, a maioría do PP na comisión de Educación botou por terra a proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada por AGE e PSOE en que se instaba á Xunta a que reclame en Madrid a retirada do anteproxecto desta lei. Con sete votos en contra e cinco a favor, quedou desbotada a tentativa da oposición de frear unha lei que as tres forzas políticas concordaron en cualificar de "fundamentalmente ideolóxica e de partido".

Unha lei "oposta á calidade, malia o nome''

Iniciou o debate desta proposición o voceiro da formación frontista, Cosme Pombo, que encaixou a LOMCE "no traballo do PP de ataque constante e continuado aos servizos públicos". Dixo Pombo que a norma que pretende impor o ministro de Educación, José Ignacio Wert, "é oposta á calidade malia o nome" e procura introducir no ensino público un modelo "neoliberal" para facer del "un negocio".

Entre as motivacións que levaron ao BNG a presentar esta proposición está "o silencio cómplice" co que a Xunta de Galiza "consinte" a invasión de competencias, a rebaixa da capacidade de achegar contidos ao currículo e situar "a nosa amada lingua" detrás da relixión e da segunda lingua estranxeira, na terceira categoría fixada pola LOMCE para as materias.

Cara á unha situación "predemocrática"

Na liña do sinalado por Pombo pronunciáronse os voceiros de AGE e PSOE. Así, Ramón Vázquez subliñou que a lei deseñada polo departamento que dirixe Wert é unha norma "reaccionaria" que devolve o ensino público "a unha situación predemocrática". Ao respecto sinalou Cosme Pombo que este texto "recupera reminiscencias franquistas", e citou entre estas as reválidas xa desde a primaria, a "anulación" dos dereitos dos pobos, o nomeamento de director@s "a dedo" e a concesión dun maior peso á relixión.

"Esquécese o papel compensador que debe ter a escola", queixouse Ramón Vázquez, quen considerou que a LOMCE pretende "preparar os mozos para o mercado de traballo" e facer del@s "escravos do sistema".

Salientou o parlamentar de AGE que o PP concibe os centros de ensino como empresas, e argumentou tal postura sinalando como na contrarreforma de Wert se lle concede a mesma importancia á materia Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial "que á Música e á Tecnoloxía". Vázquez convidou tamén a revisar a Exposición de motivos da LOMCE. Quen así proceda, dixo, atopará na primeira páxina "sete veces a palabra talento".

En Finlandia "non coñecen o fracaso" porque "non marean a lei"

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Vicente Docasar, aproveitou o seu tempo de intervención "para posicionarme dúas veces en contra desta lei" e comparou os seus obxectivos co modelo educativo finés, o espello en que o PP pretende mirarse.

"O 98% do alumnado estuda na pública, a educación é completamente gratuíta, o número de alumnos por aula está entre os 15 e os 18, o profesorado de apoio fica permanentemente na aula...", enumerou Docasar, acrecentando que no país nórdico "non coñecen o fracaso escolar" porque "non marean" a normativa. Ao igual que os outros voceiros da oposición, bateu tamén contra a carga ideolóxica que esta lei carrexa, e rexeitou que o alumnado de FP se aproveite como "man de obra barata ao estilo dos aprendices dos anos 60".

O PP deféndese con cifras de fóra da Galiza e pide unha "revolución tranquila"

Por derradeiro, cómpre apuntar que @s sete representantes do PP na comisión de Educación votaron contra esta emenda, permitindo que o anteproxecto da LOMCE continúe o seu camiño. O voceiro da formación conservadora, Román Rodríguez, apuxo á oposición que os seus argumentos foron "unha exaltación catastrofista cuasi estéril", ao se referiren "unicamente" ao número de alumn@s por aula ou aos recortes no persoal docente "e non aos resultados".

Román Rodríguez chamou a unha "revolución tranquila" no ensino público e facilitou unha relación de cifras referidas ao conxunto do Estado español e comparando o fracaso escolar co rexistrado noutros estados da contorna. A escolla foi recriminada polo BNG explicándolle ao conservador que "xa que estamos neste País que os datos sexan deste País". Na liña, Cosme Pombo concluíu remarcando que "no rural xa non vai haber fracaso porque non van quedar nenos".

Comentarios