Guillerme valora o debate no Consello Nacional como "dinámico e participativo"

Dinámico e participativo. Eses foron os adxectivos cos que Guillerme Vázquez avaliou o desenvolvimento da sesión do Consello Nacional do BNG. Dinámico, participativo e longo. O Consello Nacional, que comezou por volta das 10.30, concluiu seis horas despois. O relatorio a debate na Asemblea Nacional do BNG, que se realizará o 17 de Marzo, foi aprobado ao fío das 16.30 horas, cunha soa abstención.
Guillerme Vázquez
photo_camera Guillerme Vázquez

Longa reunión do Consello Nacional do BNG. O propósito básico da reunión do máximo órgao nacionalista entre asembleas, dar luz verde aos textos a debate na Asemblea Nacional do 17 de Marzo. O relatorio non tivo, en troca, o apoio do grupo de dirixentes nucleado arredor do viceportavoz parlamentar, Carlos Aymerich. Abrente formulou un voto particular aos textos, que agora pasan ao debate nas asembleas comarcais.

En conferencia de imprensa realizada durante un intervalo da reunión, Guillerme Vázquez xulgou como "dinámico e participativo" o debate habido no Consello Nacional e valorizou o facto de ser un proceso "de abaixo arriba", a partir das achegas da militancia.

O líder nacionalista considera normal, na lóxica dunha organización democrática, que a estas alturas do proceso, aínda na fase previa ao debate das teses nas comarcas, se formulen votos particulares e emendas.

"O que non é normal é que Feijóo non faga que demitan os seus concelleiros en Santiago"

Tamén houbo espazo para a actualidade política na conferencia de imprensa. O portavoz nacional cargou contra Feijóo a respeito da grave crise institucional aberta no concello de Santiago. "Feijóo di que non é normal o que acontece en Santiago. Pois ben, o que non é normal é que Feijóo non faga que demitan os seus concelleiros en Santiago", alegou.

En relación ao proxecto de reforma da administración local que quer presentar o PP, sinalou que "é absolutamente inutil para os concellos e para aforrar gastos". Segundo o dirixente nacionalista, "as verdadeiras intencións do PP é reducir a democracia e quitarlle competencias aos concellos, alén de recuperar o vello modelo de Estado centralizado".

Perguntado sobre se o BNG encetou un diálogo con outras forzas soberanistas, Guillerme dixo literalmente: "Oficialmente o BNG non ten abertas conversas con Causa Galiza e outras correntes soberanistas; outra cousa é que neste país a xente fale, como é normal”.

Comentarios