O Concello compostelán ve indicios delictivos no caso das facturas falsas dun edil do PP

A comisión para investigar o caso das facturas falsas concedidas por un edil do PP a asociacións para ter subvencións entende que hai indicios delictivos na actuación do concelleiro popular. O propio Concello, gobernado polo PP, tería que levar a Fiscalía este caso
Alcalde de Compostela

Máis un novo paso na cadea de escándalos que preside o goberno local do PP desde que esta formación atinxira o poder após as eleccións municipais. Agora, a propia comisión de investigación impulsada polo Concello sobre o caso das facturas falsas (emitidas por un concelleiro do PP a asociacións para que estas cobrasen subvencións) vén de apreciar indicios delictivos neste tema. O que obrigaría o alcalde, o popular Ángel Currás, a asumir as conclusións e as indicacións de poñer o caso en mans da Fiscalía.

En principio, na comisión de investigación teríase por certo que neste caso se tería incorrido en falsidade en documento público e mercantil. E pode que, mesmo, en suplantación de identidade.

O rexedor limitouse a sinalar que non ten coñecemento completo do resultado da comisións de investigación, amosando a súa sorpresa porque esas conclusións fosen filtradas. Mais xa anunciou que a partir desta segunda feira "tomaremos decisións". Feijóo, pola súa banda, non quixo facer declaracións en torno a este novo escándalo relacionado co goberno local popular de Compostela.

Rubén Cela pide "actuacións contundentes"

Mentres,a oposición contempla cunha mistura de cansanzo e estupor o enémiso capítulo do culebrón que vive o Concello desde a chegada do PP a Raxoi. O voceiro do BNG, Rubén Cela, considera "moi grave" o acontecido e entende que de se confirmar as conclusións da comisión de investigación "cumpren, xa, actuacións contundentes".

AGE solicitou a demisión co concelleiro Juan de la Fuente, presunto responsábel das facturas, e a convocatoria de eleccións. Mentres, desde as ringleiras socialistas laméntase a "inseguridade xurídica" e política na que está mergullado o Concello.

Comentarios