O Concello de Pontevedra seguirá adiante coa compensación da 'extra'

Malia o alegación interposta por un militante do Partido Popular, o Concello asegura que continuará adiante e compensará a perda de poder adquisitivo que o goberno español pretende impor @s empregad@s públic@s.

Malia o alegación interposta polo Partido Popular, o Concello asegura que continuará adiante e compensará a perda de poder adquisitivo que o goberno español pretende impor @s empregad@s públic@s.

Após ser aprobada en pleno a asignación dun complemento salarial que permita @s traballadoras e traballadores públicos compensar a perda de poder adquisitivo aprobada polo executivo español, o Concello de Pontevedra habilitou –de acordo coa lei-- un período de quince días para que calquera persoa poida presentar alegacións á medida. Malia que polo xeral non é habitual que estas se produzan, posto que o pleno somete a votación a proposta, o certo é que un militante do Partido Popular presentou unha alegación como particular; porén, desde o Concello, o concelleiro de Facenda asegura que é o partido da oposición o que “manda a un particular alegar” porque, “non asumen o resultado da votación”, asegura Raimundo González.

No texto presentado perante a administración local o alegato pide a impugnación do acordo plenario ao considerar que “os pagamentos que efectúe o Concello de Pontevedra en concepto de produtividade” supoñen “unha fraude” da lei aprobada polo goberno de Mariano Rajoy no Decreto 20/2012. Desde a concellaría de Facenda, González asegurou ao persoal público “que perdan coidado porque o noso compromiso cos funcionarios é firme”. Para tal fin, o pleno municipal deberá desestimar a alegación presentada polo militante popular na vindeira sesión o día 29 de outubro.

O goberno español tamén se opón

Pouco despois de que o BNG anunciase que alí onde tivese competencias compensaría a perda de poder adquisitivo imposta polo executivo central, o Ministerio de Facenda enviou --e publicou no seu portal web-- unha misiva aos Concellos mediante a que lles lembraba a súa "obriga de reduciren a paga extraordinaria d@s empregad@s públic@s". Así mesmo, o ministerio de Facenda asevera na misiva que "a adopción de actos ou acordos" aprobados para transferiren crédito desde outros capítulos orzamentarios co obxectivo de garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal público "poderán ser obxecto de impugnación", asegura o secretario xeral, por os considerar actos contrarios ao ordenamento xurídico vixente.

Malia todo, o Concello pontevedrés asegurou que continuaría adiante coa iniciativa pois aseguran "os funcionarios xa están facendo as horas extras correspondentes polas que cobrarán ese complemento e polo tanto van cobrar eses cartos si ou si". 

Comentarios