O Concello de Bueu insta á prohibirlles as balas de goma aos antidisturbios

Salientan que a policía española é das poucas que emprega estes proxectís, a causa dos cales perderon a vista máis de 25 persoas desde 1990. A moción, presentada polo grupo municipal do BNG, irá a pleno o 14 de xaneiro
Rosa Zarra
photo_camera Rosa Zarra, após o disparo


O pleno municipal de Bueu debaterá unha moción contra o uso de balas de goma. Será no pleno do 14 de xaneiro e nela o Goberno local do concello morracense instará a Xunta a demandar do Executivo español "a prohibición do uso de balas de goma, tal e como sucede noutros países europeos". No texto denúnciase que desde 1990 máis de 25 persoas perderon un ollo no Estado a causa destes proxectís.

Tamén houbo mort@s. En 1995 o impacto no seu ventre producido por unha bala de goma disparada por axentes da Ertzaintza --colocándolle a pistola en contacto directo co corpo-- asasinou a Rosa Zarra namentres facía parte dunha mobilización contra a carga policial durante o enterro de Lasa e Zabala, asasinados polos GAL en 1983.

Máis recentemente, en 2012, máis unha pelota de goma tamén disparada pola Ertzaintza matou o siareiro do Athletic Íñigo Cabacas, quen botou catro días en estado de coma a causa das lesións cerebrais que lle causou o impacto do proxectil.

Así as cousas, o grupo que presenta a denuncia en Bueu, o BNG, salienta que algunhas forzas e corpos de seguridade do Estado "son das poucas policías que utilizan balas de goma en manifestacións e eventos públicos". Na liña, o voceiro nacionalista, Xosé Leal, explica que a moción, que xa foi presentada no rexistro, foi promovida polo colectivo Stop balas de goma! e denuncia que durante as mobilizacións da folga xeral do 29 de marzo dous mozos perderon a vista, para alén de se rexistraren vari@s ferid@s de gravidade.

"O Parlamento Europeo, tras uns feitos acaecidos en Irlanda do Norte en 1982, nos que morreron 12 persoas e sete delas menores de 15 anos, instou aos países membros á prohibición deste tipo de armas contra a poboación civil", e pronunciouse no mesmo sentido en 1984 e en 1997. Aliás, sinala o texto desta iniciativaque estes proxectís poden acadar unha velocidade de 720 quilómetros por hora. Alerta, así mesmo, de que poden danos permanentes en órganos vitais e que son dificilmente controlábeis, xa que ao seren disparadas defórmanse e non seguen unha traxectoria predefinida.

Comentarios