O caso dos pagamentos en negro desvela a guerra interna no PP

A situación de Rajoy é moi delicada logo de trascender que non denunciou as irregularidades na financiación do seu partido nen o facto de que funcionarios e dirixentes recibisen sobres en negro.

Ninguén dubida xa no seo do PP que isto non vai exclusivamente da forma en como se financiou o Partido Popular e os seus dirixentes durante 2 décadas. Isto vai moito máis alá e ten a ver coa guerra larvada no PP entre a facción de Rajoy e a dirixida por Esperanza Aguirre.

Se ollarmos ben o caso, tiraremos a conclusión de que as revelacións de Bárcenas -aireadas por El Mundo- non só deixan tocado a Rajoy, senón tamén a Aznar, pois o ex presidente do Goberno, ben como Manuel Fraga, cando menos toleraron a existencia de pagamentos en negro.

Nos cenáculos políticos e xornalísticos de Madrid dáse por amortizado a Rajoy

Só ficaría impoluta, polo de agora, a figura de Esperanza Aguirre, defensora dunha liña aínda máis dereitista e centralista do que o aparato de Génova.

Nos cenáculos políticos e xornalísticos de Madrid dáse por amortizado a Rajoy -a súa situación nas enquisas é terminal- e barállase como hipótese de futuro un duelo polo liderado do partido entre Esperanza Aguirre e Alberto Núñez Feijóo. Nese sentido, o congreso que esta fin de semana se está a realizar en Lugo tería como único obxectivo nomear o sucesor fáctico de Feijóo. Será Alfonso Rueda.

Comentarios