O BNG anuncia que activará a reforma do Estatuto no Parlamento

O BNG anunciou na mañá da segunda feira que activará no Parlamento a reforma do Estatuto de autonomía, tras 13 anos de gobernos do Partido Popular sen ningunha nova transferencia de competencias para a Galiza. Fíxoo no marco dun acto de lembranza do Estatuto de 1936, que foi aprobado o 28 de xuño.

bng
photo_camera Pontón, no centro, ás portas da facultade de Medicina (Imaxe: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou na mañá da segunda feira as propostas da formación nacionalista para “avanzar en autogoberno e soberanía”, co fin de abrir “un tempo novo para empoderar Galiza”.

Así, a nacionalista anunciou que o BNG abre unha “axenda” para construír unha Galiza “en grande, e colocala na vangarda das nacións máis prósperas e xustas” para, en definitiva, “conseguir un novo marco institucional cun obxectivo: mellorar vida da cidadanía e blindar os dereitos e as liberdades”.

O primeiro paso, co fin de dotar a Galiza “dun verdadeiro autogoberno e non dun poder delegado e tutelado” consiste en completar todas as transferencias pendentes e, o segundo, en activar unha reforma estatutaria para “ir a un novo marco político que recoñeza a Galiza como nación, desde o sosego e a confianza no país.

Neste sentido, Pontón advertiu de que “tras trece anos de Goberno do PP con cero competencias”, é necesario, “con carácter inmediato”, negociar a transferencia de “todas as competencias previstas no actual Estatuto”, moitas das cales xa contan con acordos políticos, como a AP-9, ademais de tráfico e seguridade viaria, policía galega, costas, salvamento marítimo ou inspección de traballo”.

En segundo lugar, apostou por “activar o debate para dotar a Galiza dun novo status ou marco político que nos recoñeza como o que somos, unha nación, para que as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega e avanzar nunha sociedade máis democrática, plural, capaz de responder ás demandas da mocidade, do feminismo, da diversidade, da emerxencia ambiental, que aposte pola innovación, que garanta o dereito ao uso pleno da nosa lingua, o coidado das persoas maiores, que blinde os dereitos das mulleres, preserve os servizos públicos e a xeración e reparto xusto da riqueza”.

No marco do acto de lembranza do Estatuto de 1936, que decorreu na facultade de Medicina da USC, Pontón avanzou que o BNG rexistrará no Parlamento “a proposta de activar o artigo 56 de reforma do estatuto, cunha vontade clara de ir a un novo marco político para a Galiza, como nación, que nos dea máis poder político e económico”. O fin, salientou, “mellorar a vida das persoas e blindar dereitos e liberdades”.

As solucións, insistiu, “non poden vir con propostas de hai 40 anos, senón que se precisan novas ferramentas”. Tamén fixo alusión Pontón ao contexto de escalada de prezos “na que unha minoría e unha presa de multinacionais se lucran a costa de empobrecer a maioría social, o que fai imprescindíbel reforzar a protección dos sectores máis desfavorecidos a través de cambios estruturais, e non superficiais”, afirmou, en relación ás medidas aprobadas polo Goberno español o pasado sábado.

Co acto organizado na segunda feira polo BNG, rendeuse homenaxe a unha “xeración política irrepetíbel”, -conformada por nomes como Castelao ou Bóveda-, “que deron o mellor das súas vidas pola causa da dignidade, benestar e liberdade de Galiza”, subliñou.

Un legado, acrecentou Pontón, do que o Bloque se sente herdeiro, “fonte permanente de orgullo e de compromiso, máis necesario que nunca para construír un futuro mellor”.

Comentarios