O BNG pide unha lei que garanta o reparto "transparente" dos fondos municipais

Ana Pontón carga contra a "doutrina do amiguismo" do PP, que reparte os fondos "de maneira partidista" e prima os concellos "nos que votan ben".
Cumio municipal do BNG celebrado este sábado en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cumio municipal do BNG celebrado este sábado en Compostela (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo na mañá deste sábado, en Compostela, un encontro con alcaldes nacionalistas de toda a Galiza.

Após a xuntanza, Pontón urxiu elaborar unha lei galega que regule, con criterios "transparentes", tanto o reparto anual de fondos da Xunta aos concellos como a participación das entidades locais nos ingresos propios da Administración.

"Trátase, en definitiva, de termos unha Xunta que trate por igual todos os veciños e veciñas do país, con independencia de en que municipio vivan e de se votan ben ou mal", ironizou a líder do Bloque.

Aliás, Pontón instou o Executivo de Alberto Núñez Feixoo a crear un "Plan Concellos" que recolla todas as axudas e subvencións destinadas aos concellos, así como unha ferramenta que permita unha "visualización anual e da serie histórica" das transferencias realizadas.

"Cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante que a media do Estado", lembrou a portavoz do BNG, quen tamén denunciou que esta "discriminación" é "especialmente sensíbel" para as sete cidades: "252 euros por habitante fronte aos 499 de media das grandes cidades do Estado que superan os 500.000 habitantes", dixo.

O modelo das deputacións

Neste contexto, Ana Pontón reivindicou a xestión das tres deputacións onde o Bloque comparte goberno co PSdeG —A Coruña, Lugo e Pontevedra—, xa que "operan con transparencia e igualdade no reparto de fondos municipais".

A líder frontista contrapuxo esta situación coa da Deputación de Ourense, en mans do PP, xa que "reparte esas contías a dedo e con finalidade partidista", como exemplo do "caciquismo máis vello e rancio".

Así, tamén criticou que a Xunta utilice tamén as transferencias locais "de maneira partidista" e "sen a igualdade e transparencia que require unha Administración que queira denominarse plenamente democrática".

"A Xunta pretende repetir un ano máis a doutrina do amiguismo no reparto dos fondos públicos", alertou, ao tempo que censurou que "aqueles concellos onde votan ben van ter máis recursos, e aqueles onde non votan ben terán menos".

Comentarios