O BNG aposta por un Plan de Emprego Xuvenil

O partido nacionalista achegará ao próximo pleno do Parlamento un paquete de iniciativas destinadas a mellorar a situación laboral da mocidade.
foto Paulo R+¡os_arquivo
photo_camera O deputado Paulo Ríos nunha intervención no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comunicou este domingo aos medios que levará ao próximo pleno do Parlamento distintas iniciativas para impulsar a posta en marcha dun Plan Galego de Emprego Xuvenil que permita afrontar o contexto de “desemprego, temporalidade e precariedade” que vive a mocidade, explicou o portavoz de Mocidade, Paulo Ríos.

Outra das iniciativas que proporá na Cámara o BNG é a referida á proposta de eliminación de determinadas tipoloxías de contratos, “especialmente lesivas para a xente nova, como os contratos de formación ou en prácticas”, recalcou Ríos.

O portavoz de Mocidade na Cámara tamén advertiu que a crise orixinada pola pandemia da Covid-19 “veu pór de manifesto os graves problemas estruturais que vive o noso país, con consecuencias que comezan a verse a día de hoxe”.

Neste sentido, recordou que a mocidade é unha das grandes prexudicadas no ámbito laboral, “cunha destrución de emprego de máis de 15.000 postos de traballo” e cun contexto onde, segundo recalca, “só 2 de cada 10 mozos e mozas recuperaron o emprego despois deste ano de pandemia”.

Ríos pon o foco no feito de que os postos de traballo destruídos se concentran maioritariamente naqueles sectores que acumulan maiores índices de ocupación entre a mocidade, como son os da hostalería ou do comercio, “sectores especialmente precarios e onde a temporalidade é a norma”.

Así pois, o deputado nacionalista tamén vai defender no vindeiro pleno a necesidade de derrogar as distintas reformas e contra-reformas laborais do Partido Popular (PP) e o Partido Socialista (PSOE).

Para o BNG, tanto PP como PSOE “están a facilitar que as grandes empresas sigan aproveitando a posibilidade de acollerse a contratos temporais e aos baixos salarios co obxectivo de acadar máis beneficios”.

A diferenza das políticas de emprego desenvolvidas polas dúas forzas estatais, “desde o BNG entendemos que apostar pola mocidade é apostar polo futuro deste país”, conclúe Paulo Ríos, para explicar as razóns polas que a fronte nacionalista levará á vindeira sesión plenaria este paquete de iniciativas.  

Comentarios