Política

BNG propón que sexa obrigatorio o uso de máscaras de protección e súa distribución gratuíta

Ana Pontón pide o presidente sa Xunta que deixe de facer electoralismo coas oposicións e tome unha decisión xa "porque hai miles de galegos e galegas en vilo polo seu futuro".

Ana Pontón na rolda de prensa desta segunda feira (BNG).
photo_camera Ana Pontón na rolda de prensa desta segunda feira (BNG).

"Se as máscaras son un elemento de protección contra o coronavirus deben estar accesíbeis para toda a poboación e, polo tanto, o seu uso non pode ser unha mera recomendación". Así o considera o BNG e por iso a súa portavoz nacional, Ana Pontón, pediu á Xunta que estabeleza un protocolo propio e que garanta a distribución gratuíta das máscaras entre toda á cidadanía, polo menos mentres exista risco de contaxio da COVID-19.

"O uso da máscara debe ser obrigatorio e deben repartirse de xeito gratuíto para salvargadar a saúde pública considerando que é un ben de primeira necesidade para conter a pandemia nos primeiros meses, como así o indica a OMS. Iso é o que estamos propoñendo e o que demandamos da Xunta, que non se quede na crítica senón que actúe poñendo en marcha un protocolo propio de uso das máscaras", recalcou Pontón na súa comparecencia esta segunda feira.

De cara a garantir ese abastecemento, o Bloque insiste na posta en marcha dunha empresa pública adicada á produción de material de protección como luvas, batas ou hidroxeles. "Pode haber rebrotes, outras pandemias e hai que prepararse, producir na Galiza para garantir o subministro de material sen dependencias de China", abundou.

A líder nacionalista tamén puxo o foco na data de celebración das oposicións, incógnita que a Xunta segue sen despexar. "Pídolle a Feixoo que deixe de xogar coa data por motivos electoralistas porque afecta a miles de persoas que levan meses ou anos estudando, esforzándose, sobre todo cando a maioría dos territorios xa decidiron cancelar".

O BNG ve "pouco realista" citar a miles de persoas nun mesmo espazo pero, en todo caso, urxe unha decisión para que as afectadas saiban a que aterse. En todo caso, a formación nacionalista considera que se o exame queda para o próximo ano, a nova convocatoria debería recoller o correspondente aumento de prazas.

Mesa económica e social

En relación ao atraso para recibir a prestación vinculada aos ERTEs ou a falta de ingresos das persoas que traballan por conta propia, o Bloque demanda da Xunta “ser parte da solución” axilizando a tramitacións dos expedientes. No caso das traballadoras autónomas, propón unha axuda directa de até 2.000 euros nun pago único con cargo aos orzamentos galegos compatíbel coas axudas anunciadas polo Estado.

Galiza ten 200.000 persoas afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego e 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia, segundo relatou a nacionalista. Por iso, propón poñer en marcha unha Mesa Económica e Social para abordar as consecuencias económicas do coronavirus desde unha posición de país. "A solución non vai vir de acordos centralistas pensados desde Madrid, temos que dar unha resposta galega", recalcou Pontón.

Reforzar atención primaria

No ámbito laboral, o BNG tamén insiste en dar estabilidade e condicións laborais dignas ao persoal sanitario, e reforzar a atención primaria, a máis prexudicada pola década de recortes do PP, máxime agora que se pretende que asuma unha responsabilidade directa na loita contra o virus.

Serán os centros de atención primaria os encargos de facer o test a 100.000 persoas dentro do estudo epidemiolóxico anunciado pola Xunta. Por iso, a formación nacionalista pide un plan de financiamento extra dotado de 200 millóns de euros para reforzar a atención primaria.

Comentarios