O BNG insiste en que "non se pode agardar máis" para "blindar Galiza"

"Dixéronnos que non había fronteiras, mais pecharon as de Portugal e Francia. Por iso reiteramos que cómpre blindar o noso país, como acaban de facer nas Illas Baleares", sinalou Ana Pontón.
ana pontón consello nacional bng
photo_camera Ana Pontón nun consello nacional do BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu esta terza feira na necesidade de "blindar Galiza" ante a crise do coronavirus. "Dixéronnos que non había fronteiras, mais pecharon as de Portugal e Francia. Por iso reiteramos que cómpre blindar o noso país, como acaban de facer nas Illas Baleares", destacou a nacionalista. "Non se pode agardar máis. É unha medida drástica pero hai que tomala cando antes", reclamou. 

"Xa dixemos que foi un erro non pechar aqueles territorios que foron foco do virus. Por iso decimos que é o momento de blindar Galiza", proseguiu Pontón, que fixo fincapé na necesidade de "evitar a destrución de emprego e garantir que as persoas teñan uns ingresos. Non podemos deixar caer a ninguén, nin a ningunha empresa nin a ningunha autónoma". 

Neste sentido, desde o BNG apostan por "paralizar toda a actividade económica non indispensábel para protexer ás traballadoras e traballadores". "As medidas do Goberno do Estado son insuficientes", sinalou Pontón que se referiu a que resulta "insuficiente" unha moratoria nas hipotecas, "nós propoñemos unha moratoria de mínimo tres meses nos pagamentos"; e instou o Executvo de Pedro Sánchez a dar unha "resposta á altura da gravidade desta crise". 

"A crise ten un impacto brutal na economía e non podemos permitir que a paguen as de sempre", incidiu a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, quen confirmou que "até que non remate esta crise non se vai retomar o proceso electoral" no país. 

Na reunión entre o presidente do Goberno galego e as forzas políticas principais houbo un principio de acordo "coa vontade de ter o máximo consenso", segundo detallou Pontón: "Temos que poñer a andar o contador electoral cando consigamos saír da crise do coronavirus. Non creo que a sociedade galega estea pensando neste momento en nada que teña que ver coas eleccións. Desde logo, no BNG estamos centradas hai moito tempo na situación actual e deixamos a un lado as eleccións". 

Sobre a función lexislativa na Galiza, Pontón sinalou que a Deputación Permanente ten que funcionar como un Parlamento en pequeno, impulsando todas as medidas necesarias para facerlle fronte á crise". "Todas entendemos que non pode funcionar de maneira ordinaria e o BNG trasladou unha proposta a todos os partidos para garantir que o poder lexislativo ten un papel activo e forte nesta crise", engadiu, pois de non dotar de máis funcións á Deputación Permanente o país permanecerá nunha "situación de anormalidade democrática".

Desta maneira, Ana Pontón non quixo poñer datas electorais, pois é agora "o que menos lle importa ao BNG". "O primeiro que nos preocupa é a vida das persoas e non sabemos como vai evolucionar esta crise. A mellor noticia que pode ter a sociedade galega é que as eleccións se poidan celebrar conto antes, porque iso significaría que saímos desta crise", argumentou. 

Así, a líder nacionalista afirmou que sinte "un orgullo infinito" por pertencer ao pobo galego. "Plantamos cara á adversidade cando nos ofrecemos a facerlle a compra a unha veciña que non pode saír ou a quedarnos cos fillos de quen ten que seguir traballando. Síntome orgullosa dun pobo que pon o colectivo por enriba do individual, que demostra coraxe e determinación", sinalou, para a continuación recoñecer o labor de todas as profesionais da sanidade pública e de todas as traballadoras que están "asumindo un risco en beneficio da maioría".

"Desde o BNG traballamos para estar á altura deste momento, sabemos que temos que colaborar para plantarlle cara a esta pandemia. Así o trasladamos na reunión de hoxe, o BNG está ao dispor da Galiza", destacou Pontón. 

Comentarios