O BNG presenta 40 medidas á Xunta ante a crise económica e social polo coronavirus

Entre esas medias figura a "necesidade de restrinxir a mobilidade na Galiza". "É necesario blindar Galiza. Está demostrado que é unha medida eficaz para conter a expansión do virus", salientou Ana Pontón.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón (Nós Diario).
photo_camera A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón (Nós Diario).

"Ante a crise do coronavirus é importante dar unha mensaxe de unidade", afirmou a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, após a reunión mantida esta segunda feira co presidente da Xunta e as líderes da oposición na Galiza. O BNG presentou ao Goberno galego un plan con "40 medidas" ante a crise do coronavirus. 

Entre esas medias figura a "necesidade de restrinxir a mobilidade na Galiza". "É necesario blindar Galiza. Está demostrado que é unha medida eficaz para conter a expansión do virus e toma máis forza coa decisión de pechar fronteiras do Goberno do Estado. Igual de preocupante é que poida vir un francés que alguén de Madrid", aseverou Pontón. 

Contar cun equipamento suficiente para atender os posíbeis casos de COVID-19, ampliar a dotación das liñas telefónicas, agora saturadas, ou mesmo poñer medidas como unha aplicación do 061 para atender a toda a poboación tamén son cuestións que figuran na proposta das nacionalistas.

"Preocúpanos que haxa galegas con síntomas que non poden ter acceso á atención", destacou a líder do BNG, que tamén se referiu á necesidade de que haxa un "mando único" nos servizos sociais dos concellos para coordinarse e a que é preciso "garantir" o acceso a comedores das crianzas que tiñan este servizo até o de agora garantido pola Administración. Así mesmo, Pontón apuntou que hai situacións de violencia machista que se poden incrementar e pediu "reforzar os sistemas" para facer fronte ao confinamento.

Todas son medidas para "paliar as consecuencias económicas e sociais desta crise" que, segundo manifestou, "é grave que non se teñan adoptado xa antes". Como as compensacións para persoas que sofran ERTES ou que se eliminen as cotas para autónomas incapaces de prestar a súa actividade durante un mínimo de tres meses, e cuestións como a condonación de tres meses da hipoteca, do aluguer das vivendas e dos recibos de servizos básicos como auga, luz e lixo. Ademais, o BNG reclama "crear un fondo de continxencia económico" e "poñer en cuestión os obxectivos de déficit". 

A respecto das eleccións do 5 de abril, Pontón é clara: "Non se dan as garantías para un proceso democrático". Neste sentido, a nacionalista sinalou que a xuntanza cos partidos galegos foi "moi positiva" e que hai consenso en adiar os comicios. "O lóxico é aprazalas", asegurou, "deixar o procedemento en suspenso e retomalo cando volva a normalidade. A forma de poder levar adiante isto ten que ser por consenso, estamos ante unha situación inédita".

Eleccións

Ana Pontón explicou que á súa formación lle val "que cando remate o estado de alarma se dea un tempo para retomar o proceso" electoral e que as nacionalistas non precisan unha data concreta senón "orientativa", ao contrario do PSdeG, que propoñía o 27 de setembro. "É necesario ter unha certeza en canto ao horizonte no que nos imos mover. Ter algún criterio no que quede claro como imos proceder", afirmou. 

Desta maneira Pontón se referiu tamén ao funcionamento do propio Parlamento da Galiza, no que agora mesmo o único órgano é a Deputación Permanente, "limitada no seu mecanismo de control a unha maioría parlamentar". "Todos entendemos que ten que estar en funcionamento o Parlamento. O poder lexislativo non pode estar a medio gas, como impuxo a convocatoria electoral", explicou, para engadir que "non pode estar en mans do PP o control do Executivo nunha función chave". 

Sobre a actividade mínima e os mecanismos de funcionamento da Deputación Permanente volverán falar esta terza feira todos os grupos políticos con representación na Cámara galega. Pontón deixou claro que é fundamental "exercer o control ao Goberno" e que "a sociedade necesita ver o Parlamento funcionando". Así mesmo, a nacionalista trasladou que "había boa disposición en todos os grupos" sobre este punto. 

Comentarios