O BNG rexeita reeditar un novo goberno de coalición en Ourense

A asemblea local do BNG decidiu non entrar no goberno pola “perda de confianza no PSOE”. O grupo municipal nacionalista quedará completamente renovado coas saídas das concelleiras de Isabel Pérez e Marta Arribas.
Marta Arribas e Isabel Pérez
photo_camera Marta Arribas e Isabel Pérez

A asemblea local do BNG de Ourense decidiu, en concordancia coa análise realizada polo consello local días atrás, non subscribir un novo acordo para facer parte dun goberno de coalición no Concello de Ourense. Desta maneira, o grupo municipal do BNG pasará desde hoxe á oposición despois de permitir cos seus votos a investidura de Agustín Fernández como alcalde, en substitución de Francisco Rodríguez.

As razóns que motivan a decisión concéntranse na “perda de confianza” no PSOE, que segundo a fronte nacionalista lles tería producido a demora na renuncia de Rodríguez, despois de ser imputado no caso Pokémon, e a recente decisión do seu substituto de renovar un contrato no concello á súa filla.

Renovación no grupo municipal

Asemade, a organización local do Bloque acordou tamén remodelar o seu grupo municipal que quedará completamente renovado tras as renuncias de Isabel Pérez –actual voceira-- e Marta Arribas. No seu lugar incorporaranse á corporación municipal Susana García, responsábel local, e previsibelmente Ximena González. Semanas atrás Xosé Somoza xa se incorporara ao grupo municipal nacionalista, en substitución do dimitido Fernando Varela.

Segundo aseguraron en conferencia de prensa con estas decisións pretenden dotarse de “plena autonomía” no seu quefacer institucional co obxecto de revitalizar o seu “perfil político propio”.

Comentarios