O BNG remozarase nunha asemblea extraordinaria antes do verán

O Consello Nacional do BNG trasladará a toda a militancia unha serie de conclusións de conxunto da súa reunión deste sábado. Esta semana terán lugar asembleas en todas as comarcas en que a afiliación trasladará á dirección as súas valoracións e propostas. No Bloque apostan por enfrontar o debate interno de xeito demorado, marcando os tempos por si propios.
Executiva Nacional do BNG
photo_camera Executiva Nacional do BNG

O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego realizou unha xuntanza maratoniana este sábado, en que o máximo organismo da fronte nacionalista entre asembleas nacionais, fixo unha primeira análise dos resultados das eleccións do 21-O en que o Bloque rexistrou un importante descenso en votos e número de escanos. Na sesión que encetaba a primeira hora da mañá e rematou arredor das nove da noite, producíronse máis de cincuenta intervencións. Destas tiráronse unhas primeiras conclusións de conxunto que lle van ser comunicadas a toda a afiliación.

O debate interno ten un obxectivo claro: recuperar o apoio social perdido e consolidar o BNG como referencia política alternativa

A primeira delas é que o BNG afrontará un proceso de reflexión interna demorado, sen présas, e tentando marcar os seus propios tempos. Neste sentido, bosquexouse a data da asemblea nacional extraordinaria en que concluiría o devandito proceso e que se produciría en cuestión de seis ou sete meses, sempre antes do vindeiro verán. A reflexión non se cinguirá á militancia, pois o Bloque quere incorporar na súa análise e debates tamén simpatizantes, cos ollos postos en reforzar o soporte social ao proxecto nacionalista.

O proceso que procurará o remozado do proxecto nacionalista, que se dotará tamén dun novo liderado interno --tras o anuncio de Guillerme Vázquez de que non concorrerá de novo á portavocía nacional--, non se centrará na liña política da fronte, aprobada hai apenas uns meses por ampla maioría na asemblea de Amio e que non estaría a ser discutida internamente --non se rexistraron intervencións no Consello Nacional nesa dirección.

Malia que de entrada non se fixan límites para o debate, todo apunta que estará centrado nas actualizacións organizativas necesarias para aquilatar o perfil público do BNG. O reforzo da maquinaria organizativa, unha maior activación da militancia, aproximar a base simpatizante, afondar nas sinerxías cos movementos sociais ou melloras no eido da comunicación son algunhas das cuestións que ficarían no centro do debate, que ten un obxectivo claro: recuperar o apoio social perdido e consolidar ao BNG como referencia política alternativa.

Asemblea comarcais

Esta semana terán lugar asembleas en todas as comarcas das cales a dirección do BNG quere recoller as valoracións e propostas das e dos militantes. A partir destas a Executiva Nacional elaborará un documento que será obxecto dunha nova reunión do Consello Nacional.

Comentarios