O BNG reclamará o cobro do IBI á Igrexa nos concellos galegos

Os grupos municipais do BNG reclamarán, mediante moción, o pagamento do Imposto de Bens Inmobles á Igrexa nos concellos galegos con representación nacionalista.

O BNG solicitará dos plenos municipais que insten ao Goberno estatal á supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica dende os acordos subscritos coa Santa Sede nos anos 70. Namentres isto non se leve a cabo, pide que se negocie coa Igrexa a compensación aos municipios pola súa exención do IBI.

En 426 millóns de euros estimaba a propia Dirección Xeral do Catastro o valor do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza no ano 2010, conformado entón por un total de 7. 691 inmobles. O BNG considera incomprensible que, no actual contexto de crise económica, no que ademais se incrementou o Imposto aos Bens Inmobles, a Igrexa Católica “teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais”, tal e como se recolle no texto das mocións. A Igrexa Católica, que non tributa ao erario público polo seu patrimonio, é beneficiaria da axuda das administracións para a conservación do mesmo.

Nas mocións reclámase que o Estado sexa coherente co seu carácter aconfesional e, en consecuencia, permita a suxeición da Igrexa ao Imposto de Bens Inmobles. Piden, así mesmo, o compromiso ao respecto do Parlamento galego e da Xunta. E solicítase, por último que os gobernos municipais realicen un censo dos inmobles pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións.

A moción será presentada por rexistro nos concellos e será debatida nos próximos plenos municipais. O BNG anunciou xa a iniciativa, nos últimos días, en varios concellos, como A Estrada ou Tomiño. En Betanzos foi xa debatida en pleno, e rexeitada polo PSdeG. En Teo foi presentada en rexistro o venres pasado e, en Ordes, debaterase esta mesma semana.

A iniciativa -sinala Sandra González, responsable de Política Municipal do BNG- está en coherencia coa liña política defendida polo Bloque tanto no Parlamento estatal como no galego. O pasado marzo debateuse no Congreso dos Deputados, a instancias do BNG, unha proposición non de Lei, rexeitada por PP e CiU, na que se instaba ao Goberno á revisión dos acordos coa Santa Sede. Tamén nese mes presentou unha proposición non de lei, aínda sen debater, na que demandaba da Igrexa Católica o pagamento do IBI.

Comentarios