O BNG reclama en Madrid a derrogación da reforma laboral que denomina ''máquina para destruír emprego''

A deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, reclama a derrogación da norma logo dos últimos datos de desemprego que cualifica de "alarmantemente nefastos".Davilia cualifiou afirmou que a reforma laboral "é unha norma nula que destrúe postos de traballo".
Mobilización contra a reforma laboral do PP
photo_camera Mobilización sindical contra a reforma laboral do PP

Ao abrigo dos datos da última Enquisa de poboación activa, a deputada do BNG no Congreso d@s deputad@s, Olaia Fernández Davila, reclamou a derrogación da reforma laboral "da que tanto presume Rajoy", ao considerar que, lonxe do obxectivo de crear emprego "é unha norma nula que destrúe postos de traballo".

As cifras constatan as palabras de Davila. No terceiro trimestre do ano 85 mil persoas máis quedaron no desemprego. E isto a pesares de cadrar coa temporada estival, en que sempre se producen altas laborais. Os números son "alarmantemente nefastos", segundo valorou a nacionalista, pois a nivel estatal a porcentaxe da poboación activa que fai parte das listas do paro é xa do 25,02%: até 1.737.900 fogares teñen tod@s @s persoas desempregadas.

O panorama non é mellor na Galiza. Segundo a EPA e facendo unha comparación interanual, nos últimos doce meses son case 38 mil @s traballador@s sen emprego, cunha taxa de paro que sobe ao 20,13% --en 2011 estaba no 18,3%--. Porén, cómpre sinalar tamén que, de posuír un traballo remunerado, este estará marcado pola temporalidade e, en consecuencia, pola precariedade. En relación a este punto, o sindicato CIG informa de que en setembro asináronse no país 60.957 contratos, dos cales o 92,2% foron eventuais e tan só un 7,8% indefinidos.

"As cifras demostran que a reforma laboral non vale para crear emprego", remarcou Fernández Davila, quen tildou á ministra de Traballo de "ineficaz e incompetente" e reclamoulle que botase embaixo unha norma que non cumpre co seu obxectivo principal. "Cun paro galopante e con números récord non se pode afirmar que a reforma funciona". Acrecentou a nacionalista que continuar polo vieiro trazado pola dereita española "é un engano que ninguén cre".

Comentarios