O BNG presentará unha emenda á totalidade dos Orzamentos 2013

Carlos Aymerich denunciou que o Partido Popular estea a "xogar" coas cifras reais e procure agochar un recorte de 500 millóns euros en servizos sociais.

"Non son uns orzamentos tan sociais como Feijóo tenta facernos ver", aseveraba Carlos Aymerich, voceiro de economía do grupo parlamentar do BNG. Malia que Alberto Núñez Feijóo e o executivo que lidera presentaron o proxecto de contas para 2013 asegurando que posuían "un marcado carácter social", os grupos da oposición denuncian os recortes orzamentarios que o goberno galego prevé aplicar nos principais servizos sociais --sanidade, educación e benestar.

"En 2013 o paro superará o 21% mentres Feijóo teima nas políticas que afondan na quebra na que xa estamos"

Neste senso, o nacionalista Carlos Aymerich denunciou esta cuarta feira "a catadura moral de Feijóo" e asegurou que os orzamentos presentados para 2013 "teiman en políticas fracasadas" e agochan unha redución de 500 millóns de euros. Aymerich preguntouse na súa intervención como podía o executivo galego xustificar o suposto incremento do "77% en políticas sociais" se a respecto de "2012 as consellarías perden 667 millóns de euros para investir". Para o voceiro económico do BNG as declaracións feitas polo presidente da Xunta de Galiza constitúen unha "desfachatez" ao intentaren "vender as contas do próximo ano como un orzamento social" entrementres os servizos públicos "son os que rexistran maiores rebaixas". Así, para esta lexislatura, sanidade contará con 145 millóns de euros menos, xunto cos 170 que o goberno galego procura retallar en políticas de emprego e benestar.

"Teiman na liña do déficit, dos recortes e de que as administracións se inhiban á hora de intervir directamente na dinamización da industria e dos sectores produtivos do país”, aseverou na súa conferencia de imprensa o deputado nacionalista quen, asemade, adiantou que a súa formación política presentaría unha emenda á totalidade argüíndo que "é posíbel un orzamento distinto".

Comentarios