O BNG centrará a súa acción parlamentar en enfrontar os recortes e demandar soberanía

O BNG presentou o seu grupo parlamentar e debullou as liñas de traballo que seguirán nesta lexislatura. Francisco Jorquera exercerá a portavocía mentres que Ana Pontón e Carlos Aymerich levarán cadansúa vice-portavocía.

Pontón, Jorquera e Aymerich
photo_camera Pontón, Jorquera e Aymerich

En comparecencia de imprensa, as sete persoas que representarán o BNG no arco parlamentar, presentaron a liña de traballo que a organización frontista desenvolverá durante o vindeiro curso político. Aliás, Ana Pontón, debullou polo miúdo as áreas sectorias que cada un(nha) d@s parlamentares defenderá. Neste sentido, Cosme Pombo, deputado pola provincia de Lugo, encargarase das cuestións vencelladas ao ensino, universidade e vivenda; pola súa banda, Tereixa Paz, parlamentar por Ourense, defenderá medio rural, política institucional, interior e xustiza. Montse Prado, outra das caras novas do BNG, levará as áreas de emprego, pesca, marisqueo e comercio, entrementres Carme Adán, industria, igualdade, servizos sociais e turismo. 

Carlos Aymerich defenderá facenda e sanidade, ao tempo que exercerá a vice-portavocía conxuntamente con Ana Pontón, quen se fará responsábel das áreas de lingua, cultura e ordenación do territorio. Doutra banda, Francisco Jorquera, exercerá a portavocía do grupo e levará os asuntos referidos a democracia e soberanía.

Na quenda de intervencións, Carlos Aymerich asegurou que o BNG marcará como obxectivo principal "traer a voz do pobo ao Parlamento". Neste sentido, Francisco Jorquera afirmou que a organización frontista procurará a sinerxia "entre o traballo na rúa e o traballo parlamentar" pois dixo "é fundamental levar a voz dos colectivos e movementos sociais á institución". Aliás, @s nacionalistas manterán unha oposición propositiva encamiñada a "achegar solucións e alternativas de cambio" ao modelo político, social e económico actual, aseverou Aymerich.

O BNG asegurou que levarían "a voz do pobo ao Parlamento"

Tamén así, Aymerich ra considerou que "Galiza precisa máis capacidade para decidir e ímola demandar neste parlamento" por exemplo, na defensa dos servizos sociais públicos, un marco galego de relacións laborais ou mesmo dun novo modelo de financiamento que se debaterá o vindeiro ano. Asemade, asegurou que a organización frontista, pulará por "unha democracia real e participativa" a través da proposición dunha lei de consultas populares, que @s nacionalistas defenderon durante a campaña electoral.

Reflectir a pluralidade da Cámara nos órganos reitores

Pola súa banda, Francisco Jorquera asegurou que o BNG desenvolverá nesta lexislatura "unha oposición firme e contundente ao PP" mais, coa achega de propostas que amosen, dixo, "que o discurso do PP é falso, é outras políticas son posíbeis". Porén, o voceiro parlamentar do BNG avanzou que a organización frontista viña de enviar unha carta aos demáis voceiros parlamentares "para iniciar conversas de cara a explorar acordos para a constitución dos órganos" que compoñen a institución, nomeadamente da Mesa do parlamento. Segundo defendeu Jorquera, o obxectivo do BNG é "garantir a pluralidade da cámara existente" após os resultados electorais. Para tal fin, proporán aos demáis grupos políticos unha composición que rache coa maioría absoluta do PP e o bipartidismo entre este e o PSOE. Así pois, emprazarán @s populares a non "obstinar" na súa maioría absoluta e garantir a representación de todas as forzas.

As propostas do BNG, serán dúas, que a Mesa se compoña de dous parlementares populares, un socialista un deputad@ para AGE e outr@ do BNG ou ben, que o PP fique con 3 deputad@s, un para o PSOE e un quinto a repartir proporcionalmente ao longo do curso político entre Alternativa Galega de Esquerda e o BNG.

Comentarios