O BNG pide a reprobación do alcalde de Barreiros por machista

Polo seu "discurso rancio e machista", o BNG solicita do goberno galego no Parlamento a reprobación do alcalde de Barreiros. O rexidor do PP, Alfonso Fuente, manifestara no pleno que “as feministas deixan de selo cando casan”. 

Casa do Concello de Barreiros
photo_camera Casa do Concello de Barreiros

“Os comunistas deixan de selo cando teñen cartos, as feministas cando casan e os ateos cando cae o avión no que viaxan”. As declaracións no último pleno do alcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente dirixidas á concelleira nacionalista Ana Ermida levaron a que o BNG presentara no Parlamento varias iniciataivas reclamándolle ao goberno galego a reprobación e o rexeitamento das súas palabras. “Estamos nun momento de ataque claro e explícito aos dereitos das mulleres e estas sentenzas por parte dun rexidor municial veñen a confirmar a involución social que pretende o PP” comentan as deputadas Carme Adán, Tareixa Paz e Cosme Pombo na iniciativa rexistrada no Parlamento. 

“A linguaxe do traballo escaso e a necesidade de que as mulleres sigan a facer as tarefas de coidado nun momento de recortes dos servizos públicos están presentes a todas horas. Desprestixiar as mulleres feministas que loitaron e loitan polos dereitos colectivos das mulleres é unha práctica común dos discursos rancios e machistas” argumentan á hora de reclamar que o goberno galego reprobe “con rapidez e contundencia” as palabras do alcalde de Barreiros. 

As declaracións do alcalde producíronse no debate no que a oposición protestaba pola aplicación do repago nos comedores escolares. A concelleira do BNG en Barreiros, Ana Ermida, pídelle responsabilidades polas súas afirmacións no artigo publicado hoxe en Sermos Galiza, “Eu son a feminista de Barreiros” e denuncia que o rexidor “garda un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e minutos despois nos regala os oídos con esas perlas”.

Comentarios