O BNG pide a demisión de Rajoy e que Feijóo aclare posíbeis ramificacións dos pagamentos en Galiza

Jorquera insta a Feijóo a que aclare as posíbeis ramificacións das presuntas contas irregulares en Galiza, concretamente a partida que figura baixo o epígrafe Galicia O.C.
Jorquera Caselas
photo_camera Jorquera Caselas


Francisco Jorquera emprazou a Mariano Rajoy a que aclare os feitos publicados hoxe no xornal El País “e unha de dúas, se insiste en que non son certos presente querela contra Bárcenas e os medios que publicaron eses datos e se non só ten unha saída, presentar a súa dimisión de forma inmediata”. O voceiro parlamentar nacionalista cualificou de “extremadamente graves” as noticias difundidas hoxe polo xornal madrileño, que revelan indicios de financiación irregular do PP e pagos periódicos en B a boa parte da cúpula deste partido, entre eles o propio presidente do goberno, Mariano Rajoy.

Jorquera asegurou que de se demostrar estas irregularidades sería "un atentado contra a saúde da democracia, por iso urxe unha explicación por parte de Rajoy e adopción de medidas rexeneradoras".

"É un atentado contra a saúde da democracia, por iso urxe unha explicación por parte de Rajoy e adopción de medidas rexeneradoras"

Comparecencia urxente de Montoro

Neste sentido, anunciou que o BNG no Congreso acaba de rexistrar a solicitude de comparecencia urxente do ministro de Facenda, Cristobal Montoro, para que aclare por que negou que Bárcenas se acollera á amnistía fiscal, e reclama tamén unha comisión de investigación na Cámara alta.

Aliás, o BNG emprazou tamén a Núñez Feijóo a que aclare as posíbeis ramificacións das presuntas contas irregulares en Galiza, concretamente a partida que figura baixo o epígrafe Galicia O.C.

Plutocracia, non democracia

O voceiro parlamentar do BNG explicou que estes feitos demostran que nestes momentos non hai democracia, senón plutocracia, un goberno ao servizo dalgunhas elites, “favorecida -dixo- pola política de porta xiratoria pola que altos cargos en empresas logo son altos cargos políticos e logo, de novo, volven á privada, un círculo perverso que permite ás grandes empresas beneficiarse de adxudicacións públicas a cambio de financiar os partidos”.

Comentarios