O BNG pedirá no Parlamento e Congreso a reprobación do delegado do goberno español en Galiza

Xavier Vence e Francisco Jorquera consideran que as declaracións de Samuel Juárez "bordean o legal” e son “impropias” dun cargo institucional. Entenden que se enmarcan na estratexia do PP de “criminalizar” calquera resposta ás políticas do PP. BNG, que non desbota accións legais, pedirá a reprobación do delegado do Goberno na Galiza con senllas iniciativas parlamentares no Parlamento galego e no Congreso. Juárez reiterouse nas súas acusacións

Xavier Vence e Francisco Jorquera
photo_camera Xavier Vence e Francisco Jorquera

Os portavoces nacional e parlamentar do BNG, Xavier Vence e Francisco Jorquera, compareceron esta segunda feira para anunciar que o BNG vai pedir no Parlamento de Galiza e no Congreso español a reprobación do delegado do goberno, Samuel Juárez. As declaracións de Juárez nunha entrevista en La Voz de Galicia acusando o BNG de manipular politicamente o desafiuzamento de Aurelia, de ser tépedos co “terrorismo de Resistencia Galega” ou de “incendiar a rúa”, para o BNG “bordean o legal”. Por iso, a fronte nacionalista mesmo estudará se há lugar a medidas legais.

Xavier Vence considera que esas declaracións de Juárez responden a unha “estratexia clara do PP” que pasa por “enlamar” o debate político, “criminalizar” a oposición e “amedrentar” a cidadanía. O portavoz nacional do Bloque sentencia: “A dereita quer substituír a política pola policía”. Algo que, afirmou, o BNG non está disposto a consentir.

“Que se ocupe dos problemas reais deste país”

Vence entende que o delegado do Goberno (que este luns volveu reiterarse nas declaracións e dixo: "Sigo esperando que o BNG condene a Resistencia Galega") debía de estar “preocupándose polos problemas reais deste país” e non por “inventar cortinas de fume para tapar as consecuencias das súas políticas sobre a cidadanía”.

O portavoz preguntou a que vén que Juárez poña agora en dúbida a posición do BNG sobre terrorismo e “levante calumnias”.

No expediente a Jorquera afírmase que o deputado nacionalista “animaba e  'jaleaba' aos presentes, empurrando á policía” na protesta contra o despexo de Aurelia

Desobediencia civil, Gandhi, Luther King

Pola súa banda, Jorquera lembrou que as protestas contra o despexo de Aurelia Rey foron convocadas pola cidadanía e ás mesmas asistiron centos de persoas para despregaren un acto de “desobediencia civil e resistencia pacífica”. Formas de protesta que, lembrou, foran empregadas por Gandhi ou Luther King. “E Juárez fala de que houbo acometidas bárbaras?”

Para Francisco Jorquera, o delegado do goberno procura “non só amedrentar e criminalizar o BNG, tamén a todos e todas as que respondan ás súas políticas, queren meter o medo na cidadanía”.

Comentarios