O BNG deixa claro que non asinará o recurso perante o TC se se veta Amaiur

A deputada nacionalista no Congreso español asegurou que a organización frontista non tomará parte do recurso colectivo que pretenden presentar os grupos da oposición se o PSOE non "rectifica" o seu veto do que din "é intolerábel e anti-democrático".

Após coñecerse o posicionamento do PSOE, que negou a posibilidade de que Amaiur tomase parte do recurso de inconstitucionalidade que se presentará contra a non revalorización das pensións, o BNG denunciou o comportamento d@s socialistas e o carácter antidemocrático do veto. "É intolerábel en termos democráticos a exclusión, por motivos puramente sectarios, dunha forza política representativa dun importantísimo sector da poboación vasca", aseguraba a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila.

No PSOE, o seu voceiro, Alfredo Pérez Rubalcaba aseguraba que "as fotos en conxunto teñen algunha dificultade", entrementres formacións nacionalistas como ERC e BNG ameazaron con retiraren as súas sinaturas do recurso se @s socialistas non mudaban de actitude. Joan Tardá, afirmou que "se alguén pretende vetar a sinatura dalgún deputado deste Parlamento, estariamos perante un atentado á democracia".

Non é a primeira ocasión que o PSOE veta a formación abertzale. Neste sentido, após constituírse a Cámara de deputad@s o PSOE --xunto con CiU e PP -- impediu que Amaiur conseguise finalmente grupo parlamentar propio argüíndo que non chegaba ao 15% esixido pola lei nunha das circunscricións en que presentara candidatura. A negativa das forzas políticas maioritarias debíase a unha lectura estrita do regulamento da Cámara. A coalición, presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional que aínda non foi revisado. 

Comentarios