O BNG do Porriño rexeita a ordenanza de axudas ao granito por ser 'un prexuizo económico para o concello'

O goberno municipal de Nelson Santos (PP) aprobou axudas para aquelas construcións que empreguen este material. @s nacionalistas pensan que esta medida vai ser un prexuízo económico para o concello e critican a súa falta de transparencia.
Canteira de granito no Porriño (Cedida)

O Concello do Porriño decidiu aprobar en Pleno unha ordenanza pola que subvencionará a execución de construcións, edificacións, rehabilitacións e urbanizacións realizadas con  “rosa Porriño”. A idea do alcalde, Nelson Santos (PP) é “darlle valor e revitalizar o sector das canteiras”. Este gasto a maiores foi rexeitado polo grupo municipal do BNG que o considera “un prexuizo económico para o concello como á pouca concreción e transparencia no aspecto xurídico da mesma”. Outra das razóns é que o goberno municipal non presentou unha memoria económica que avale os seus posíbeis efectos positivos para o sector do granito.

O goberno municipal non presentou unha memoria económica que avale os seus posíbeis efectos positivos para o sector do granito


Transparencia
“Non cabe en ningunha cabeza que se aprobe unha ordenanza deste tipo sen regular aspectos tan básicos como os requisitos concretos que teñen que cumprir as persoas adxudicatarias ou promotoras das actuacións”, denuncian desde o BNG do Porriño. O documento presentado a Pleno non aclara se as persoas beneficiadas deben estar censadas ou non no concello ou se a subvención vai dirixida a promotor@s individuais ou promotor@s de vivendas. “Entendemos que o concello non debe subvencionar aos construtores as súas promocións de vivendas, das que obterán un maior beneficio grazas á aplicación desta medida”, engaden @s nacionalistas.

O sector
O granito galego é a segunda industria máis importante do sector de Europa, despois de Italia,  e a cuarta do mundo, segundo datos do Cluster do Granito. As empresas que integran o Cluster do granito alcanzaron unha facturación de 398 millóns de euros durante 2010, un 2% máis que o ano anterior, no que a cifra total fora de 390 millóns. As empresas do Cluster do granito empregan en torno a 6.300 persoas entre canteiras, empresas transformadoras, maquinaria e marmoristas. Esta cifra supón un descenso do 3% con respecto ao ano anterior.

Comentarios