O BNG marca como primeira opción para as europeas impulsar unha candidatura galega

O portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, afirma na Radio Galega que pular por unha candidatura que dea voz a Galiza é a prioridade, mais sen desbotar ningunha opción

Parlamento europeo
photo_camera Parlamento europeo

Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, afirmou hoxe na Radio Galega que a opción primeira na que o BNG traballa para as eleccións europeas é a dunha candidatura galega. Jorquera entende que cómpre erguer para esa cita (que terá lugar no verán de 2014) unha candidatura “que de voz a Galiza” e que leve a Bruxelas a defensa “dos intereses e necesidades” do país.

Non desbotou constituír unha candidatura galega que fose da man con outras forzas nacionalistas vascas e cataláns na cita do verán de 2014

Porén, o portavoz parlamentar da fronte nacionalista, lembrou que nas eleccións europeas a circunscripción é a nivel estatal, o que fai máis complicado a partidos nacionalistas obter representación. Por iso, apuntou, non se desbotar artellar colaboracións con outras forzas das nacións do Estado. Jorquera lembrou que esa opción xa foi empregada polo BNG en algunha das anteriores citas europeas.

Neste punto, mesmo non desbotou constituír unha candidatura galega que fose da man con outras forzas nacionalistas vascas e cataláns na cita do verán de 2014.

Naval e condeas

Preguntado no programa 'Galicia por Diante' sobre o naval, a resposta de Jorquera foi que o que acontece con este sector estratéxico para Galiza é un exemplo de como na UE hai dúas varas de medir. E, aliás, un exemplo de como o Estado español non traballa arreo para defender este sector.

E no que atinxe aos intentos de criminalización do BNG, Jorquera foi claro no rexeitamento da violencia pola fronte nacionalista, mais considera que está a haber unha estratexia do PP de sacar unha cuestión que non preocupa en Galiza para desviar a atención dos verdadeiros problemas. “Condenamos o intento de utilización do terrorismo que está a facer o PP”.

Comentarios