EDUCACIÓN

BNG leva ao Hórreo unha moción contra o Decreto do Ensino e pide á Xunta que o rexeite e o recorra perante o TC

O texto supón ''unha invasión clara'' das competencias da Consellaría de Educación e traería consigo a destrución de máis de 2.000 postos de traballo

O grupo parlamentario do BNG, por iniciativa da deputada Carme Adán, presentará esta terza feira unha moción en contra do Real Decreto-lei 14/2012 en que instan á Xunta de Galiza non só a non aplicar a norma no noso país, senón a presentar un recurso perante o Tribunal Constitucional. E é que o texto redactado en Madrid "supón unha invasión clara" do marco competencial galego en materia educativa, nomeadamente no que ten a ver co horario do profesorado e a cobertura de baixas, asuntos en que a Consellaría de Educación ten atribucións exclusivas.

Alén disto, a aplicación do Decreto de Educación suporía na Galiza a destrución de máis de 2.000 postos de traballo no profesorado, segundo os cálculos de CIG-Ensino, así como "unha rebaixa considerábel" da calidade educativa, tal e como recolle a moción do BNG, asinada pola deputada Carme Adán e pola voceira do Grupo Parlamentario nacionalista, Ana Pontón.

Coa súa queixa, o BNG suma a súa voz á doutros colectivos que veñen reclamando que non se aplique este Real Decreto, ao entender que vulnera o dereito á educación, porque durante os dez primeiros días de calquera baixa --independentemente da duración-- o alumnado estará atendido mais non recibirá aulas da  materia cun ou cunha docente da materia correspondente. Nesa liña, enténdese a norma española como unha agresión á igualdade de oportunidades "que responde a unha concepción elitista e clasista" do ensino público.

Comentarios