Unha ofensiva social contra o recortazo

A executiva do BNG reunida nesta sexta decidiu pór en marcha unha campaña contra o recortazo.

O Bloque Nacionalista Galego sairá á rúa contra as medidas aprobadas polo goberno español. Dende a fronte din que "será a maioría social a que pague en solitario a factura da crise" polo que avogan pola "oposición frontal, a rebelión e a insubmisión" ao recortazo anunciado polo presidente do goberno español.

Nunha rolda de prensa posterior á xuntanza extraordinaria da executiva, o candidato á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, descualificou os recortes non só por seren inútiles para superar a crise económica, senón por "seren absolutamente contrarios aos intereses da maioría social". Do mesmo xeito, criticou que introducirán a economía na depresión e farán caer os ingresos públicos.

A respecto da  participación de El-Rei no Consello de Ministr@s desenvolvido esta sexta, Jorquera cualificou a presenza do monarca de "utilización espúrea do goberno español". Asemade, denunciou a actitude d@s deputad@s populares no Congreso ao aplaudiren as medidas e recortes anunciados. O candidato nacionalista, considerou "repudiábeis e incualificábeis", comportamentos como o amosado pola deputada Andrea Fabra ao berrar "Que se jodan!". 

@s nacionalistas apuntaron tamén, a instrumentalización da crise económica por parte do PP como "coartada para impor as súas políticas centralistas e antisociais". 

Iniciativas a prol do referendo

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou que a fronte nacionalista levará "iniciativas ao Congreso" para que o goberno español convoque un referendo ou adiante as eleccións, pois di, "sería o lóxico e o democrático". @s nacionalistas din que Rajoy non ten xa lexitimidade democrática para "aplicar medidas que non contan co aval cidadán" polo que, entenden. "a cidadanía debe tomar a palabra".  

Comentarios