O BNG insta o goberno central a paralizar a venda de NGB

A fronte nacionalista considera que a venda "a prezo de saldo” da entidade vai ter “efectos desastrosos” para Galiza. Aliás, o BNG reclama novas comparecencias na comisión das caixas, que non dá por pechada

Carme Adán e Francisco Jorquera
photo_camera Carme Adán e Francisco Jorquera

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, manifestou que a venda de Novagalicia Banco producirá “un efecto catastrófico” para Galiza e criticou que mentres Bankia non será vendida por considerala sistémica para España, NoGB será posta a venda a “prezo de saldo”.

O deputado explicou que hoxe, máis que nunca, Galiza precisa dun sistema financeiro propio que impida o “espolio do aforro galego” e rexeitou que tras ser mobilizados máis de 9.000 millóns de recursos públicos para sanear a entidade financeira, agora sexa vendida a “prezo de saldo”.

O BNG presentou no Congreso unha Proposición non de lei destinada a paralizar o proceso de venda de NGB anunciado polo FROB.

“Ata o 2017 hai tempo para escoller outras opcións, afirmou, e non aceptamos dicir Amén aos ditados de Europa nin a lóxica perversa de insuflar fondos públicos para sanear os bancos para seren mal vendidos despois”.

Máis comparecencias: MAFo, Almunia e Fernández Currás

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a deputada Carme Adán afirmaron hoxe que “non dan por pechada a comisión de investigación das caixas galegas” e reclaman as comparecencias de Miguel Angel Fernández Ordóñez, Marta Fernández Currás e Joaquín Almunia.

“Núñez Feijóo, dixo, non respondeu a ningunha das preguntas formuladas e dedicouse a botar balóns fora” como acostuma a facer cando é interpelado polos problemas dos sectores produtivos galegos.,manifestou Jorquera

Comentarios