Jorquera (BNG): "Unha persoa que mantivo relacións de amizade cun capo da mafia é indigna de presidir o goberno galego"

O portavoz parlamentar do grupo nacionalista denunciou que o presidente da Xunta de Galiza converta nun costume "apelar á ignorancia" e salienta que nun "país democrático" un cargo público xa tería demitido "por feitos de menos gravidade". 

"Debía ser o único en Galiza que non escoitara falar da operación Nécora", ironizaba Francisco Jorquera en comparecencia de imprensa esta segunda feira após publicárense as imaxes de Alberto Núñez Feijóo no iate do contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado. O portavoz parlamentar do Bloque Nacionalista Galego instou ao presidente da Xunta de Galiza a demitir --como xa fixera o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, e denunciou que o líder do PPdeG se ampare "na ignorancia" para non asumir as súas responsabilidades no que considerou "un feito de extrema gravidade.

Malia a que o presidente da Xunta de Galiza procurou a través da emisión dun comunicado público quitar ferro ás imaxes publicadas polo diario español 'El País' @s nacionalistas xulgan que as fotografías de Núñez Feijóo co contrabandista Marcial Dorado "revelan unha relación moi estreita" entre ambos os dous. 

"O relevante non é que pasasen 20 anos", salientou Jorquera en comparecencia de imprensa senón que Núñez Feijóo "ocupaba xa altos cargos" nos gobernos do Partido Popular. Neste senso, para o nacionalista as explicacións fornecidas polo líder d@s populares após a publicación da reportaxe "son total e absolutamente inverosímeis". Francisco Jorquera denunciou que o presidente da Xunta "está a converter en costume" o apelo a unha "ignorancia pouco críbel" cando asegura descoñecer as actividades delituosas en que se atopaba inmerso o contrabandista. Para o parlamentar frentista, as fotografías dan boa conta dunha "estreita relación" entre ambos os dous. 

Francisco Jorquera lembrou ao presidente da Xunta as súas verbas anos atrás cando a imprensa publicara unhas fotos do daquela vice-presidente do goberno galego, Anxo Quintana, no iate do proprietario do Grupo San José, Jacinto Rey. “Un goberno ten que coidarse das más compañías” dicía Feijóo en 2009, "pois que aplique o exemplo", sentenciou o nacionalista. O BNG considera que "unha persoa que mantivo este tipo de relacións" cun "capo do narcotráfico" é indigna para exercer como presidente e exixiron que Níñez Feijóo demita. 

Comentarios