O BNG insiste na creación dunha comisión no Congreso que investigue @s culpábeis da crise

Igual que xa fixera en marzo, Jorquera volveu reclamar que se analicen ''a fondo'' as causas da desfeita financeira, así como o papel de bancos, caixas e Banco de España. Nesta terza a Cámara española debaterá a proposta da formación frontista de converter Novagalicia Banco nunha entidade pública
photo_camera Imaxe: congreso.es

O BNG vén de reclamar máis unha vez a creación no Congreso dunha comisión parlamentar que investigue "a fondo" as causas que motivaron a crise no sector financeiro, as prácticas de exposición extrema --burbulla inmobiliaria-- que provocaron situacións de insolvencia en moitas entidades, e as responsabilidades politicas "ou doutra índole" que puideran derivar.

Díxoo o candidato á presidencia da Xunta e deputado nacionalista Francisco Jorquera esta segunda feira en Compostela, antes de entrar nunha xuntanza con axentes sociais e representantes de varios colectivos cidadáns da comarca en que expuxo as ideas da formación frontista a prol da creación dunha banca pública galega.

Co apoio de Izquierda Plural e ERC
Así, a insistencia de Jorquera lévanos ao mes de marzo, cando os grupos de Izquierda Plural --IU-ICV-CHA-- e Mixto --a través de BNG e ERC-- presentaron a súa petición para crear a citada comisión, en que se analizarían as causas do desastre financeiro, a actuación de bancos e caixas durante ese período, así como as accións emprendidas polo Banco de España e polos outros organismos supervisores.

Unha vez que a reclamación feita daquela e reiterada agora pol@s nacionalistas galeg@s fora cualificada pola Mesa do Congreso, tería que ser debatida no Pleno e cumprirían, para sacala adiante, os votos a favor do PP. E a data para o debate depende da Xunta de Portavoces, onde a maioría tamén a ten o Grupo Popular en función do voto ponderado.

Así as cousas, e pese ás sabidas dificultades de que vexa a luz, Jorquera insistiu na súa necesidade dada a situación de Bankia, que cualificou como "o maior burato financeiro do Estado" e lembrou que o seu saneamento exixirá mobilizar 23.500 millóns de euros en recursos públicos. "O Estado vai recorrer á emisión de débeda, aumentando a burbulla, e cos datos de hoxe vemos que a prima de risco superou a fronteira psicolóxica dos 500 puntos", detallou o candidato á Xunta polo BNG.

"Cremos que é imprescindíbel ante esta situación", apuntou respecto da creación da comisión parlamentar en que, tal e como enumerou, deberán comparecer para dar explicacións sobre a súa xestión a presidenta da Comunidad de Madrid, Esperanza Aguirre, cunhas responsabilidades políticas "evidentes" en Caja Madrid; o ex director xerente do FMI --Fondo Monetario Internacional-- e ex director de Bankia, Rodrigo Rato; e o propio presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, para dar conta da situación deste grupo financeiro e das medidas que vai adoptar o seu Executivo.

Fronte á socialización de perdas, banca pública
En relación con estas últimas, Jorquera defendeu que, "fronte á estratexia de socializar perdas namentres se privatizan beneficios", o BNG avoga porque a mobilización de recursos públicos para sanear entidades financeiras se traduza na creación de bancos públicos e nunha nacionalización "con vocación de permanencia, para que non sigan incorrendo en prácticas especulativas e contribúan á economía produtiva".

No caso concreto da Galiza, a proposta do BNG pasa, por conseguinte, pola transformación en público de Novagalicia Banco. Tal achega será debatida esta terza no Congreso. Jorquera xa alertou que se o banco galego se integrar nunha entidade nucleada ao redor de Bankia "simplemente Galiza estaría a asistir á perda definitiva do seu sector financeiro". E lembrou a similitude entre este suposto e a proposta inicial do PP, que pasaba pola absorción das caixas galegas por Caja Madrid.

Comentarios