O BNG inicia unha ofensiva contra a reforma da administración local

Alcaldías e portavocías locais da organización frontista anunciaron esta cuarta feira que reforzarán a súa presenza na Fegamp a través da presentación de senllas mocións nos concellos, o Parlamento e o Congreso español contra unha reforma "que liquida a maior parte dos concellos galegos" e pretende impor "un modelo vertical" en detrimento das políticas e servizos sociais.

En conferencia de imprensa, representantes locais e institucionais do BNG anunciaron que desenvolverán unha campaña de denuncia contra o anteproxecto de lei que prevé aprobar o Goberno español. Segundo @s nacionalistas, a reforma pretende instaurar o modelo local do Partido Popular e suporá "a liquidación da maior parte dos concellos galegos". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a proposta foi impulsada "polo PSOE" e partiu da modificación constitucional do pasado ano 2011. Aliás, o rexedor pontevedrés asegurou que a medida pretende "diminuír o gasto público, potenciar a privatización e enriquecemento dalgúns sectores" através da diminución de servizos sociais pola vía "do aforro". 

Neste senso, @s nacionalistas presentaron unha ofensiva institucional perante o que consideran un "retroceso democrático". As alcaldías do BNG reforzarán a súa presenza na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) através da presentación de mocións nos concellos, Parlamento e o Congreso español a fin de "frear", aseguraron, "un modelo lesivo" encamiñado "cara á un modelo local vertical donde as directrices da UE e do Estado se van a aplicar nos concellos", denunciou o alcalde de Allariz, Francisco García, ao impedir "que os concellos teñan políticas propias e unha actividade centrada no servizo dos cidadáns". Aliás, @s nacionalistas denunciaron a "invasión de competencias" que promove a reforma, ben como a blindaxe das deputacións provinciais fronte a autonomía municipal. 

Comentarios