PARLAMENTO EUROPEO

O BNG fixa como obxectivo na Eurocamára que Galiza reciba 3.500 millóns de Fondos comunitarios

Coa actual proposta presentada pola Comisión Europea, o país vería recudida a súa asignación dos 5.700 até os 1.150 millóns para o periodo 2014-2020. A formación frontista lamenta "a inactividade" da Xunta nunha cuestión que consideran "vital"

Coa actual proposta presentada no Parlamento Europeo pola Comisión Europea, Galiza vería reducida de 5.700 a 1.150 millóns de euros os recursos que lle correponderían como fondos estruturais e de cohesión para o periodo 2014-2020. Así o explicaron esta segunda feira a eurodeputada Ana Miranda e a voceira do BNG no Parlamento galego, Ana Pontón, nunha rolda de prensa en que consideraron "inaceptábel e inasumíbel" a cifra asignada ao noso país na distribución dos Fondos Comunitarios. Así, a formación frontista estabelece como obxectivo que reciba 2/3 dos fondos asignados na actualidade.

Tanto Miranda coma Pontón lamentaron "a inactividade" da Xunta nunha cuestión "vital", e explicaron as iniciativas que o BNG presentará en ambas as dúas cámaras para que Galiza siga a manter unha parte substancial destes recursos. Piden que o articulado que estabelece a distribución do financiamento recolla "con absoluta claridade que os territorios que saian por primeira vez da categoría de Rexións menos favorecidas sigan a percibir alomenos 2/3 da asignación que perciben no período actual 2007-2013".

Segundo explicou Ana Miranda, Galiza non encaixa neste momento na nova categoría de Rexión en Transición, ao superar o 90% de media do PIB da UE dos 27. E non encaixa tampouco no concepto de rede de seguridade ou aterraxe suave, porque non reúne os requisitos fixados na proposta da Comisión Europea para se amparar nesa vía. O BNG tamén reclamará con emendas "a xestión íntegra do 100% dos fondos comunitarios" que lle correspondan a Galiza "igual que xa fan territorios coma Gales, Escocia ou Flandes", segundo indicou a eurodeputada nacionalista.

"O Estado español aprópiase agora do 50% dos fondos que nos corresponden, porcentaxe que sobe ao 80% no caso do Fondo Social Europeo. Galiza debe decidir o destino deses recursos, para evitar que financen obras coma a T-4", engadiu Ana Pontón, quen aclarou tamén que o BNG reclaramá "unha aplicación flexíbel" dos obxectivos en que podemos investir os fondos comunitarios.

Ao figurar como 'rexión rica', só é posíbel investir en 3 obxectivos. Mais o BNG solicita que os recursos de Galiza poidan ter outros destinos, como a creación de emprego, o investimento medioambiental, o transporte ou a cohesión social, ao entender que, como explica Miranda, "as nosas necesidades non son as de Baviera, por máis que pasemos a estar na mesma categoría segundo as estatísticas".

Comentarios