O BNG exixe ao Goberno español que non discrimine o rural galego no deseño das liñas de autobús

A formación nacionalista recolleu máis de 1.000 sinaturas entregadas hoxe ao deputado no Congreso, Néstor Rego.
Representantes do BNG de Lugo xunto co deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes do BNG de Lugo xunto co deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O BNG de Lugo fixo entrega ao deputado da organización nacionalista no Congreso, Néstor Rego, das máis de mil sinaturas recollidas durante a campaña contra a redución das paradas de autobús para que sexan trasladadas ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, promotor dese recorte.

Así o indica nunha nota de prensa a formación nacionalista, na que urxen a rectificación do Goberno español do mapa de liñas de autobuses do Estado. Tamén reclaman a incorporación das liñas suprimidas na proposta inicial “para garantir o dereito da cidadanía do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade”.

O mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal, presentado polo Ministerio de Transportes en abril, “supón menos paradas e rutas”, segundo explica o BNG.

Isto levou á formación a solicitar a comparecencia da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, co obxectivo de que o Goberno español mudase a proposta, pois, como xa adiantaba o deputado do BNG tras coñecer o mapa, “de non rectificar a súa decisión, desaparecerán un total de 23 paradas en vilas e concellos na Galiza nos percorridos interautonómicos”.

"De non rectificar a decisión, desaparecerán un total de 23 paradas en vilas e concellos na Galiza nos percorridos interautonómicos"

A formación detalla que os concellos afectados son A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada e Quiroga. Por este motivo, o BNG realizou unha campaña na que recolleron máis de 1000 sinaturas para reclamar “a paralización do proxecto”.

Reformulación da proposta

“O BNG seguirá a reclamar ao Ministerio a reformulación da proposta e que priorice o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” apuntou o deputado do BNG no Congreso.

Porén, “polo momento o Goberno español non parece ter intención de rectificar a súa postura”, sosteñen desde o BNG, pois “nunha das respostas do Executivo estatal a preguntas rexistradas polo BNG no Congreso, segue a xustificar a supresión destas paradas alegando que primarán a demanda de viaxeiros e viaxeiras entre as diferentes autonomías, sen atender as paradas intermedias”.

Rego tamén reivindicou que “manter estas paradas e liñas é especialmente importante no caso galego, sobre todo nas zonas rurais e do interior, posto que é a única alternativa, en moitos casos, de transporte público” e advirte que, de non rectificar, “prexudicaría zonas e concellos que máis sofren o despoboamento na actualidade”.

Por último, o deputado do BNG explicou que a proposta formulada polo Goberno de Pedro Sánchez “non pode basearse exclusivamente no rendemento económico das liñas”, senón que deben existir criterios como “o ben común e asegurar un servizo público esencial para a cidadanía”.

Comentarios