O BNG exixe a dimisión do alcalde de Compostela e non desbota unha moción de censura

O voceiro do BNG en Compostela, Rubén Cela, vén de pedir a dimisión "inmediata" do alcalde ante a "situación insostíbel" do Concello a raíz da súa imputación na Operación Pokemon e pola noticia de que presionou a unha concelleira para validar un documento manipulado
Rubén Cela
photo_camera Rubén Cela

A situación do Concello de Compostela é insostíbel, sosteñen desde o BNG da capital de Galiza. A imputación do alcalde na operación Pokemon (esta quinta feira declarou ante a xuiza) e a noticia de que se falseou un informe para inculpar a unha concelleira do seu propio grupo de goberno nesta trama fan que a única saída para Ángel Currás sexa a dimisión inmediata, como pediu o voceiro nacionalista, Rubén Cela. Cela mesmo, a preguntas dos xornalistas, indicou que o BNG "non descarta nada" en referencia á presentación dunha moción de censura. Iso si, este paso terá que ser adoptado polo consello local do Bloque, que se reúne a comezos da vindeira semana.

Para o voceiro nacionalista, Currás non pode "agocharse nin eludir responsabilidades políticas" ante unha "situación insostíbel" e cun ambiente "irrespirábel" no grupo de goberno do PP que estaría "nunha guerra aberta". O BNG solicitou que se convoque con urxencia un pleno extraordinario e apuntou a que se Currás non dimite "o PP será cómplice".

Comentarios