O BNG do Porriño critica a desaparición das oficinas liquidadoras dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarca

Os servizos pasarían a Vigo e pensan que haberá demoras polo volume de traballo a asumir. Ademais a medida podería eliminar 150 postos de traballo.

“A centralización deste servizo en Vigo perxudica aos veciños e veciñas do Porriño e doutros concellos”, aseguran desde o BNG deste municipio da Louriña. A medida prevista pola Xunta de trasladar as oficinas liquidadoras dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarca eliminaría, segundo @s nacionalistas, 150 postos de traballo e produciría demoras nos trámites polo volume de traballo que terían que asumir se se confirma o traslado, neste caso, a Vigo.

Solicitarán no Pleno Municipal un acordo de todas as forzas políticas contra esta medida da Xunta

O BNG porriñés presentará esta Quinta Feira unha moción no Pleno Municipal na que pedirán un acordo de todas as forzas políticas representadas para instar á Xunta de Galiza a revocar a súa determinación de suprimir as funcións de oficinas liquidadoras que se realizan a través dos Rexistros da Propiedade de vilas e cabeceiras de comarcas, e a que se renoven os convenios asinados até agora para garantir este servizo. “Estamos nun contorno sensíbel como é o medio rural, e non benefician en nada estas medidas baixo o pretexto do aforro e a austeridade”, aseguran.

Comentarios