O BNG de Compostela alerta de que un expediente de obras compromete principios de contratación administrativa

O grupo municipal do BNG na capital da Galiza exixe á Xunta de Goberno do Concello compostelán explicacións a respecto da suposta vinculación entre as empresas convidadas.
photo_camera Angel Currás, alcalde de Compostela. Imaxe: Concello de Santiago

As tres empresas convidadas desenvolven labores de desbroce forestal e eliminación de vexetación para a prevención de incendios. Segundo o expediente de contratación o procedemento incorre en irregularidades de acordo cos principios de contratación administrativa. 

Neste senso, o grupo municipal nacionalista rexistrou preguntas dirixidas ao alcalde que non foron respostadas no prazo. Así pois, o BNG introduciu máis unha batería de preguntas a tratar na Xunta de Goberno que terá lugar a vindeira cuarta co obxectivo de pór luz sobre o proceso de contratación e as responsabilidades "de todo tipo" que podería carrexar o mesmo.

Segundo o BNG, na documentación que acompaña ao expediente reflíctese que as empresas xa participaran nun proceso de contratación anterior, promovido --ao igual do que este-- pola Concellaría de Medio Rural.

Mañá, a Xunta de Goberno, deberá dar resposta ás demandas nacionalistas e esclarecer cal é a razón social e con cargo a que procedemento de contratación, pois a fronte nacionalista alerta de que o expediente compromete principios de contratación administrativa.

Comentarios