O BNG deixa o goberno de Lugo por "coherencia" e asegura que continuará a traballar pola cidadanía

Após a asemblea local desenvolvida a pasada terza feira, @s concelleir@s do BNG en Lugo, Antón Bao e Paz Abraira, comunicáronlle ao alcalde da cidade, José López Orozco, a súa decisión de abandonaren o goberno de coalición. Neste sentido, @s nacionalistas aseguraron que a decisión responde ao "código ético" que rexe o comportamento do BNG nas institucións.
Consello local BNG-Lugo
photo_camera Consello local BNG-Lugo

"Esta é a práctica do BNG e entendemos que debe ser dos restantes partidos políticos". Así falaba Alex Penas, responsábel local do BNG en Lugo após anunciar a decisión adoptada pola fronte nacionalista que finalmente abandonará o goberno da cidade. A decisión adoptada atende, segundo informou Penas, ao "código ético" que guía ao BNG nas institucións e polo cal "os cargos públicos que son imputados con acusacións deste tipo abandonan de inmediato os seus cargos para preservar as propias institucións e os propios cidadáns", asegurou. Neste sentido, após a imputación do alcalde lugués --procesado por suborno a persoal público e tráfico de influencias-- @s nacionalistas aseguran que a súa saída do goberno de coalición veu motivada pola negativa do rexedor a renunciar ao seu cargo.

Nun "exercicio de coherencia e coa finalidade de preservar as institucións democráticas decidimos abandonar o goberno", salientou o responsábel local do BNG en Lugo esta cuarta feira, ao entender que a actitude mantida por López Orozco "supuxo unha perda de confianza". Aliás, subliñou que perante a actual realidade social as institucións deben "ser exemplo de democracia real" e non existir nelas "ningunha sombra sobre o traballo a prol da veciñanza". Así mesmo, desde o BNG consideraron que a "xudicialización da xestión pública" fai dano á cidade de Lugo e "non permite traballar" de maneira coaligada nun executivo municipal sob cuxa xestión existe unha "sospeita constante".

Rexeitamento ás declaracións do alcalde

Desde a localidade de Lugo, @s nacionalistas amosaron a súa oposición tallante ás declaracións feitas polo rexedor lugués quen aseguraba a pasada fin de semana que "o bo alcalde é o que ten dúas imputacións anuais". Porén, e malia que recoñecen e salvagardan a presunción de inocencia, Alex Penas asegurou con rotundidade que @s nacionalistas teñen "unha visión completamente antagónica do que é a xestión democrática dunha institución" e agardan que a xustiza resolva coa maior celeridade o proceso xudicial "que provoca un grave dano para a nosa cidade", sentenciou.

"Non imos favorecer o acceso do Partido Popular ao goberno"

Alex Penas, concluíu a lectura do comunicado asegurando que nesta nova etapa, @s nacionalistas continuarán "desenvolvendo un proxecto positivo para a cidade e o país" polo cal non apoiarán de ningunha forma, o ascenso do Partido Popular ao goberno lugués. Aliás, Penas salientou que o BNG seguirá a traballar por Lugo na oposición, no exercicio do seu principal obxectivo a "defensa e apoio da cidadanía", concluiu.

Corte de audio

Ir a descargar

Comentarios