O BNG de Muras denuncia insultos e ameazas do alcalde

O BNG presentou diante do Valedor do Pobo unha denuncia sobre a actitude do alcalde de Muras nos Plenos municipais. O motivo: a reacción violenta cando xorde o tema da creación dunha aldea etnográfica que se está a construir nos terreos mercados ao rexidor do PP.
Concello de Muras
photo_camera Concello de Muras

O BNG de Muras síntese ameazado polo alcalde. Segundo denuncia Xoán Antón Estúa García, vice-responsábel comarcal, a formación nacionalista ten unha máis ca complicada convivencia institucional con Issam Alnagm Azzam (PP) pola súa actitude “antidemocrática e mafiosa” que aumentou despois das denuncias polo caso da Aldea Etnográfica. “Utiliza o seu posto como rexedor municipal para beneficio persoal e da súa familia”, asegura Xoán Antón Estúa. O alcalde reacciona violentamente cando nos plenos xorde o tema da creación dunha aldea etnográfica onde a maior parte dos terreos mercados para a súa execución son da súa propiedade e da súa familia. “Recibiron 220.000 euros aos que se deben engadir mais de 50.000 pola compra de madeira das mesmas fincas, pagada mediante un cheque a nome da esposa do alcalde”, denuncia o BNG.

Plenos conflictivos
Os plenos municipais en Muras teñen algo máis ca dialéctica. @s nacionalistas denuncian que coa maioría popular aproban actas nas que non están transcritas a totalidade das intervencións. Ademais, na sesión extraordinaria do día 26 de outubro de 2011, o alcalde permítese a licenza de contestar, cando se lle pide o borrador dos orzamentos, que non “lle entende e que fale ben”. No mesmo pleno cando o BNG lle pregunta polos beneficios e uso da madeira mercada polo seu concello a resposta de Issam Alnagm Azzam é “contestar a un asqueroso mentiroso como tú da ganas de vomitar”. Na web municipal non están penduradas as actas destes plenos malia ter un espazo previsto e polo seu contido.  

José Julio Fernández, Valedor en funcións, considera que as preguntas formuladas foron “respondidas en el momento”


Denuncia diante do Valedor
O BNG de Muras presentou unha denuncia diante do Valedor do Pobo en abril deste ano. Nela solicitábase que esta institución actuara fronte a actitude do alcalde de Muras que, segundo as actas, “recóllense as preguntas e logo non se contestan”. Na resposta recibida agora de José Julio Fernández, Valedor en funcións, considera que as preguntas formuladas foron “respondidas en el momento” e que outras non o foron “por el devenir tenso del debate”.

Comentarios