O BNG de Cesuras presenta emendas á totalidade do proxecto de fusión con Oza

Nacionalistas e PSOE tildan as intencións dos dous rexedores do PP de ''pouco serias e rigurosas'', e chaman á realización dunha consulta popular e dun acto informativo onde a cidadanía poida posicionarse

Após a saída á exposición pública do plan de viabilidade da fusión para os concellos de Oza dos Ríos e Cesuras só cos votos do PP en ambos os dous casos, o BNG cesurán vén de presentar alegacións á totalidade do proxecto. @s nacionalistas, que manifestaran xa a súa oposición no pleno en que se votou a saída á luz do documento, cualificaron o plan presentado polos alcaldes conservadores como "pouco serio e pouco riguroso", ao non estar asinado por persoal técnico nin contar con informes xurídicos nin económico-financeiros realizados por profesionais independentes.

Como xa fixo o PSOE por boca do seu secretario provincial, Francisco Caamaño, tamén o grupo municipal do BNG pediu a realización dunha consulta popular, e reclamou a pertinencia dun acto informativo "aberto á participación cidadá" para coñecer as consecuencias da fusión, para alén de insistiren na necesidade de afondar noutras alternativas, como as mancomunidades ou os consorcios con outros municipios da comarca.

Así, ningún partido da oposición apoia a fusión. En Oza, BNG e PSOE abstéronse, mentres que en Cesuras votaron en contra. Abriuse desde aquela un periodo de vinte días para presentar alegacións a un texto baseado no documento elaborado pola Deputación da Coruña sobre a viabiliade do proceso da fusión.

Someter o texto a exposición pública é o trámite previo á aprobación definitiva da fusión, que se podería executar por maioría absotula --a metade máis unha ou un d@s concelleir@s, segundo a Lei de Administración-- ou cos votos a favor dos 2/3 da corporación --segundo a Lei de Réxime Local--, tal e como apuntaron nos últimos días os servizos xurídicos da Deputación da Coruña. En Oza serán dabondo as mans erguidas d@s edís populares para quitar adiante a iniciativa. Porén, en Cesuras fan parte da corporación municipal sete edís do PP, unha do PSOE e tres do BNG. @s conservador@s cumpriríalles o apoio dun ou dunha concelleira da oposición e, se esta tombase o proxecto, tanto a Deputación da Coruña --gobernada por Diego Calvo, do PP-- como a Xunta teñen competencias para impor a fusión.

Por conseguinte, todo apunta a que o obxectivo dos dous rexedores do PP se materializará "dunha maneira ou doutra", en palabras de Calvo, e no PP contan con ver xuntados os dous municipios a finais deste ano. O concello resultante, Oza-Cesuras, tería a capital na primeira das localidades e contaría cunha poboación de 5.500 habitantes repartid@s en 152 quilómetros cadrados. Sería o primeiro proceso de fusión municipal na Galiza en máis de 40 anos.

Comentarios