"Triunfou a democracia fronte ao fascismo". O BNG celebra a toma de posesión de Lula da Silva

Ana Miranda transmitiulle á presidenta do PT, Gleisi Hoffmann, os saúdos da Executiva Nacional do BNG e da Portavoz Nacional da organización, Ana Pontón.
Ana Miranda e Gleisi Hoffmann, do PT brasileiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda e Gleisi Hoffmann, do PT brasileiro (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asistiu en Brasilia á toma de posesión de Lula da Silva como novo presidente de Brasil (no que será o seu terceiro mandato), nunha xornada "cargada de emoción e simbolismo", que segundo salienta Miranda representa o inicio dunha nova "etapa histórica de triunfo da democracia contra o fascismo e que abre un tempo de esperanza no noso país irmán".

“É unha honra e unha grande emoción estar en Brasília representando o Bloque e o grupo parlamentar de Bruxelas nun día tan importante para os pobos do mundo”, subliña a eurodeputada nacionalista, quen formou parte das máis de 53 delegacións internacionais que asistiron á toma de posesión do presidente electo de Brasil no Palácio do Planalto e que posteriormente foron recibidas no ministerio de Exteriores da capital brasileira.

“O novo Goberno de Lula pon de manifesto que despois de anos de bolsonarismo hai que reconstruír o Brasil cunhas marcadas prioridades, como a loita contra a pobreza, o medio ambiente, a igualdade e a aposta polos servizos públicos, así como a volta á integración latinoamericana e ao multilateralismo internacional”, explica Miranda en referencia ao discurso do presidente Lula.

Encontros

Ademais de participar nos diversos actos oficiais programados con motivo da toma de posesión, Ana Miranda mantivo encontros coa presidenta do Partido dos Trabalhadores de Brasil (PT) Gleisi Hoffmann, así como con varias integrantes do novo Goberno do presidente Lula, como a nova ministra de Pobos Indíxenas, Sonia Guajajajara, e a ministra de Medio Ambiente, Marina Silva.

Saúdos de Pontón

A eurodeputada do BNG transmitiulle á presidenta do PT os saúdos da Executiva Nacional do BNG e da Portavoz Nacional da organización, Ana Pontón.

Pola súa parte, Gleisi Hoffmann agradeceu o apoio incondicional do Bloque durante a inxusta prisión de Lula apoiando diversos actos e campañas solidarias na Galiza e Bruxelas, así como as relacións históricas entre ambas as formacións políticas.

Comentarios