O BNG crea un grupo de traballo que recollerá as achegas da militancia

O Consello Nacional do BNG decidiu constituir un grupo de traballo que sintetizará as achegas feitas pola militancia ao proceso de debate aberto no seu seo. Guillerme Vázquez considera unha "burla macabra" o decreto sobre desafiuzamentos español.
Consello Nacional BNG
photo_camera Guillerme Vázquez no Consello Nacional do BNG

“A fin do debate é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista”. Con estas palabras definiu o actual lider do BNG, Guillerme Vázquez, a razón última pola que o proceso que ven de encetar a formación última "ten vocación de ser enormemente participativo". 

A primeira decisión neste sentido é a creación dun grupo de traballo, formado por membros do Consello Nacional, para recoller e sintetizar as achegas que realice nos vindeiros días a militancia. No seu momento abriranse as achegas a simpatizantes e persoas representativas de distintos sectores sociais. Nos próximos días, nunha data por determinar, este grupo celebrará a súa primeira reunión.
Guillerme Vázquez matizou que este debate "non é unha paréntese na actividade" do BNG "é un debate que iniciamos nas asembleas comarcais, cun alto grao de participación e madurez".

No seu momento abriranse as achegas a simpatizantes e persoas representativas de distintos sectores sociais

Unha "burla macabra"

Ao remate do Consello Nacional, Guillerme Vázquez quixo deixar a súa opinión e a do BNG sobre o novo Decreto de desafiuzamentos que aprobou o goberno español. "O primeiro responsábel da crise hipotecaria é a banca e o poder político que permitiu e alentou prácticas a todas luces inmorais". Para o lider nacionalista a responsabilidade desta situación é do PSOE e o PP posto que estiveron nos gobernos do Estado estes últimos anos. A actual lei, daquela, non é máis que "unha burla negra ao seren os mesmos PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago”.

O Decreto do Goberno de Rajoy sobre desafiuzamentos aprobado en Madrid é, para Guillerme Vázquez, unha "burla macabra" e unha "operación cosmética inaceptábel". O BNG pensa insistir "e estar ao carón das vítimas" co obxectivo "dunha solución xusta" que exixa á banca pagar pola "súa avaricia insaciábel”

Para o lider nacionalista a responsabilidade desta situación é do PSOE e o PP posto que estiveron nos gobernos do Estado estes últimos anos

Feijóo, "máis do mesmo"

O lider do BNG quixo adiantar un pronóstico sobre os pasos que Alberte Núñez Feijóo dará nos vindeiros meses. "Aplicará na Galiza a política de Rajoy; seguirá coa cantinela da austeridade para as clases populares; negarase a exercer as propias competencias, a exercer como presidente de Galiza, e menos aínda intentará alongalas; afondará na política de respañolización de Galiza e seguirá a mirar para outro lado mentres Galiza perde tecido económico e emprego a esgalla”. Este "máis do mesmo" terá diante ao BNG que "combaterá decididamente formulando alternativas". Para o BNG "Galiza non é un país pobre, é un país empobrecido pola aplicación de políticas contrarias aos nosos intereses”.

Imaxe: TeleBNG

Comentarios