O BNG chama pola construción "da República da Galiza"

O Bloque presentou esta sexta feira o manifesto 'Galiza pola República'. Un documento que pretende pór a primeira pedra na loita pola construción "dunha Galiza soberana" fronte a "decrepitude do sistema". 

A organización frontista presentou o manifesto 'Galiza pola República' cun cravo "símbolo do republicanismo" asegurou Xavier Vence
photo_camera A organización frontista presentou o manifesto "Galiza pola República" cun cravo "símbolo do republicanismo" asegurou Xavier Vence

O hotel Airas Nunes foi o cenario elixido polo Bloque Nacionalista Galego para lanzar o manifesto 'Galiza pola República'. “O pai da nosa república” explicaba o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, dá nome a este histórico local situado a carón doutro emblemático lugar para o republicanismo nacional galego, a imprensa do alcalde compostelán fusilado polo fascismo, Ánxel Casal. 

Néstor Rego, Xabier Vence, Saleta Chao e Rafael Vilar (membros da executiva nacional do Bloque) fixeron público esta sexta feira un texto en prol da “ruptura democrática” cun marco político, xurídico e institucional “antidemocrático”, herdeiro “da doma e castración”, dixo, que “nega” a Galiza “como nación” e que “impide o noso libre desenvolvemento como pobo”. 

A través deste acto, @s nacionalistas apresentaron unha campaña a prol da construción “da República galega” pois, aseguran, “Galiza non é monárquica”. Desde o Bloque chaman a encetar un debate social que se materializará nos vindeiros meses en diversas actividades de “concienciación social” que doten o pobo “dos intrumentos precisos para gobernármonos nós propios”, acrecentou Vence. 

Neste senso, fixeron un apelo a “todas as organizacións” que partillen esta idea “desde o nacionalismo e a esquerda”,  nun momento, sinalaron, onde “vemos máis do que nunca antes a vontade popular de recuperarmos a democracia nun sentido pleno”. 

“Unha república nosa, galega, social e democrática”
En cuestión puxeron @s nacionalistas a institución monárquica, mais tamén o actual “marco político” do que “esta é o cumio”, explicaron. Para Xavier Vence, a Casa Real constitúe “o garante da unidade” nun Estado, como o español, en crise. Por iso, apuntan, “fronte á dramática situación que vivimos”, desde o BNG apostan en “erguer a bandeira da República”, mais non dunha República española, senón “nosa, galega, social e democrática”, acrecentaron fronte “o anacronismo que supón” unha monarquía parlamentar “anacrónica” conformada por “unha familia de parásitos sociais”.

O BNG ergue a bandeira da República, mas non dunha República española "senón nosa, galega, social e democrática"

“É unha cuestión de dignidade”, aseguran desde a organización frontista, reivindicar os principios republicanos e a construción “dun Estado de noso” como ferramenta fronte á “crise económica, política, social e institucional” vixente. 

Neste senso, @s nacionalistas chamaron a situar Galiza “no proceso de modernización de Europa” que se está a desenvolver a través do avanzo soberanista encetado por Escocia, Catalunya ou Flandes. 

Neste escenario “de decrepitude do sistema” desde o Bloque apelan á necesidade “de erguer os soños e as esperanzas” da cidadanía e construír, din, “desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova”. 

“A vía estatutaria está esgotada”
O portavoz nacional do BNG asegurou, en resposta @s xornalistas, que esta campaña non procura unha reforma do Estatuto de autonomía. Para @s nacionalistas esta “é unha vía esgotada” habida conta da sentenza promulgada polo Tribunal Constitucional a respeito do Estatut catalán. Así pois, desde o Bloquen apuntan cara á xeración dun “proceso de ruptura democrática” que –ao igual que está a acontecer noutras nacións sen Estado como Galiza-- supere o actual marco xurídico e rache coa “dependencia á que Galiza está submetida”. 

Comentarios