O BNG chama a "unir forzas" con quen apostar "pola soberanía" e "o cambio social"

O voceiro nacional do BNG fai un chamamento no acto de inicio do curso político a "unir forzas" na procura dun "cambio de rumbo radical" para Galiza.
photo_camera Ofrenda floral perante a imaxe de Castelao en Rianxo

No tradicional acto de homenaxe a Castelao celebrado en Rianxo, @s nacionalistas deron comezo ao curso político salientando a situación de "emerxencia nacional" que existe en Galiza, como reflicten "os galopantes datos do paro". Segundo o voceiro nacional da organización frontista, Guillerme Vázquez, a actual realidade social, económica e política galega é o resultado dunha "politica salvaxemente agresiva" polo que chamou "a insubmisión e á rebeldía" como única vía contra a "estúpida austeridade" promovida desde a Xunta de Galiza, o Estado e Bruxelas.

"Hai que ter cabeza de mosquito e o corazón de pedra para teimar nas mesmas políticas inxustas", aseverou o voceiro d@s nacionalistas quen arengou á construción "dun bloque social" co que combater, dixo, "a política noxenta da dereita". No acto político fronte á figura do histórico nacionalista, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, desde o BNG aseguraron estar "dispostos a unir forzas" con todas aquelas persoas que concorden "na defensa do principio irrenunciábel do nacionalisto" pois, parafraseando as verbas de Castelao, Vázquez acrecentou "a soberanía, rachar coa dependencia, é fulcral para Galiza".

Guillerme Vázquez: "Estamos en guerra, non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós"

Aliás, o portavoz do BNG, subliñou que "sen soberanía non hai democracia nin solución para os principais problemas deste país". Neste senso, exemplificou algúns dos actuais conflitos abertos como o do sector lácteo, a normalización lingüística ou o desmantelamento do sistema financeiro galego. "Estamos en guerra", afirmou con rotundidade o líder da organización frontista quen asegurou "non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós, e de momento van gañando eles", nun ton que lembrou a célebre cita do magnate estadounidense Warren Buffet.

Vázquez, concluíu a súa intervención apostando polas "alternativas", dixo que conduzan a Galiza cara "a unha Galiza laica e republicana, con xustiza social e orgullo de seu, a Galiza soberana á que nunca renunciou Castelao".

Comentarios