O BNG apela á soberanía nos 76 anos do Estatuto

Os nacionalistas lembran que, 76 anos despois, "as necesidades de soberanía son se cadra máis imprescindíbeis ante un modelo de estado e económico" que prexudican ao pobo galego.

Esta quinta conmemorouse o 76 aniversario do plebiscito polo que se aprobaba o Estatuto de 1936. Co gallo da homenaxe, o Bloque Nacionalista Galego celebrou no día de hoxe diversos actos polo País. Nun acto celebrado no parque de Bonaval en Santiago de Compostela, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou que “nin ao BNG nin a Galiza lle valen nin esta Unión Europea nin este Estado español, un modelo compartido no esencial por PP e PSOE que está condenando a Galiza á irrelevancia política, económica e demográfica”. Guillerme fixo estas declaracións nun acto público que decorreu en Compostela organizado para conmemorar o 76 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936. Actos semellantes ao realizado na capital da Galiza tiveron lugar tamén noutros puntos do país.

O evento reuniu a máis de cen persoas, segundo a formación nacionalista, entre as que se atopaban deputados do BNG, membros da Executiva Nacional e alcaldes nacionalistas. O portavoz nacional do BNG cualificou o estatuto de 1936 como “un logro do pobo galego, do Partido Galeguista e especialmente de Castelao e Bóveda, que entenderon que a soberanía do pobo galego era imprescindíbel para solucionar os problemas de Galiza”.

Neste sentido, subliñou que “76 anos despois, as necesidades de soberanía son se cadra "máis imprescindíbeis, ante un modelo de Estado Centralista e un modelo económico neoliberal que están a causar un gran padecemento ao pobo galego”.

"Como hai 76 anos, en Bloque podemos"

Guillerme Vázquez enfatizou que "sen soberanía non hai democracia, e sen democracia non hai dereitos, nin laborais nin sociais". Nesta liña argumental, o voceiro nacional do BNG manifestou que "neste 28 de xuño, como fixeron hai 76 anos Bóveda e Castelao, reafirmamos que en Bloque podemos, porque Galiza pode". Así mesmo, lembrou que Galiza "xera máis recursos ao Estado en forma de impostos do que este nos devolve en forma de financiamento", salientando a necesidade de deservolver un sistema de cupo fiscal propio, "cunha Axencia Tributaria galega". 

Por último, o voceiro nacional dos nacionalistas denunciou a expatriación do aforro galego, exemplificándoo no caso das indemnizacións multimillonarias recibidas polos exdirectivos de NCG e o corralito das preferentes; sentenciando que o BNG "foi o único que se opuxo a isto". 

Na cidade da Coruña, Francisco Rodríguez impartiu esta tarde unha conferencia baixo o lema "E por que non unha República de Galiza?", no marco da campaña que conmemora o Día da Pátria Galega nesta comarca. 

 

 

Comentarios