O BNG acusa a Feijóo de ser o "escudeiro" de Rajoy en Galiza

Aseguran "non gostar nada" da visita do presidente da Xunta a Madrid e denuncian que este se dobregue aos intereses de Génevo en troca de defender os de Galiza.

A visita de Alberto Núñez Feijóo a Madrid non foi moi ben acollida pol@s nacionalistas. Neste senso, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que desde a organización frontista non "agardamos nada" da xuntanza que desenvolverán ambos os dous líderes e denunciaron que perante "problemas que afectan a sectores económicos básicos" o presidente da Xunta de Galiza "actúe como un mero escudeiro en Galiza do señor Rajoy" en troca de defender os intereses d@s galeg@s.

Neste senso, para @s nacionalistas "para pór estes problemas sobre a mesa" e que estes "sexan resoltos de maneira positiva" precísase outra actitude e non a que mantén Alberto Núñez Feijóo.

Os escándalos que salfiren ao PP, volven ao Parlamento
O voceiro parlamentar do BNG anunciou que volverán inquirir ao presidente do executivo galego polos casos de corrupción que afectan diversos cargos públicos do Partido Popular e demandan a Núñez Feijóo que "asuma as súas responsabilidades" como presidente do PPdeG pois, asegurou Jorquera "para alén da retórica" o líder do executivo galego "non fixo nada para perseguir a corrupción". Neste senso, Francisco Jorquera lembrou que a Audiencia Nacional vén de fixar vínculos entre a trama Gürtel e a suposta financiación en negro do Partido Popular e exixe que Núñez Feijóo deixe de botar balóns fóra e dea explicacións polos escándalos de corrupción que están a ser investigados e que afectan ao seu partido en Galiza.

Aliás, salientou o nacionalista, Núñez Feijóo "ocupou altos cargos desde o 91" ao tempo que "Crespo era vocal de Portos [en representación da Xunta] cando Feijóo era conselleiro de política territorial". Feijóo non cesou a Crespo, cerebro da Gürtel. O que fora secretario de Organización do PP galego non sería afastado do seu cargo até a chegada do goberno bipartito.

Comentarios