O BNG propón mobilizar 1.600 millóns para que as contas de 2021 atendan ás necesidades da pandemia

O BNG emenda a totalidade dos orzamentos que considera "unha oportunidade perdida", segundo declarou Noa Presas. 
A deputada do BNG, Noa Presas, ante a prensa (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG, Noa Presas, ante a prensa (Foto: Nós Diario)

O BNG fai unha emenda aos orzamentos da Xunta porque, salienta a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, "son unha oportunidade perdida", unhas contas "que se presentan como se non existise unha pandemia".

Por iso, de cara ao debate parlamentario, o Bloque fai unha proposta alternativa para mobilizar 1.600 millóns de euros con tres obxectivos: atender as urxencias de sectores económicos ao bordo da ruína, reforzar a sanidade pública e sentar as bases para unha economía verde, baseada na ciencia e na investigación, explica Presas.

"Non podemos estragar esta oportunidade cun Goberno do PP instalado na rutina ignorando un escenario de crise sen precedentes", afirma Presas

Ademais, a responsábel de Economía subliña que estes van ser "os únicos orzamentos expansivos de toda a lexislatura, porque contarán con fondos extraordinarios e non podemos estragar esta oportunidade cun Goberno do PP instalado na rutina ignorando un escenario de crise sen precedentes".

Presas destaca algunhas das propostas que inclúe o BNG para mellorar as contas de 2021 mediante a reformulación e mobilización de fondos. Neste senso, inclúe no eido económico 100 millóns de euros en axudas directas "para o sector da hostalaría e do turismo".

No sanitario, 250 millóns serían para reforzar a atención primaria e 100 para fomentar a contratación estábel na sanidade e reducir as listas de espera no Sergas.

No eido social, 40 millóns propóñense para incrementar as pensións non contributivas, "medida que beneficia a 38.000 persoas con ingresos mínimos", e 240 para reforzar o ensino público e acabar coa fenda dixital.

"Son algunhas das propostas que imos defender no debate de orzamentos para que a Galiza teña unhas contas enfocadas a paliar as consecuencias da pandemia", reiterou a nacionalista.

Comentarios