Após ser reprobado polo BNG, demite o edil de Cambados polo seu comentario machista

O edil municipal comunicou a súa demisión logo das críticas recibidas polo seu comentario sobre a vice-presidenta española e de ser reprobado pola súa organización. O portavoz parlamentar do Bloque criticou que o PP convidase á sesión plenaria a Castelao Bragaña quen afirmou que "as leis como as mulleres están para seren violadas". Vídeo no interior

Xaquín Charlín dimite como edil municipal no Concello de Cambados após ser reprobado polo BNG logo da publicación dun "comentario absolutamente machista", como asegurou o propio portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera.

O cambadés referírase á vice-presidenta do Goberno español como "chochito de oro", unha aseveración que logo foi criticada pola organización frontista da que dixo "nin respectan nin amparan". 

As declaracións de Charlín fixeron ferver as redes sociais que incendiaron en críticas ao comentario e ao xa ex-edil.  Pola súa banda, a dirección da organización frontista vén de confirmar que "acepta" a demisión do cambadés e reitera "o seu compromiso coa loita pola igualdade" e "contra todo tipo de manifestacións sexistas" contra as que di "actuará con contundencia sempre".

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera denunciou en sesión plenaria que o Partido Popular convidase á Cámara a Castelao Bragaña (quen afirmou que "as leis como as mulleres están para violalas") ao tempo que exixía a demisión de Charlín polas súas declaracións en relación coa vice-presidenta do Goberno español. 

Comentarios